Unha de viaxes

CULTURA

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos meus case 58 anos levo viaxado moito máis do que nunca puiden imaxinar. En avión, tren, barco ou en coche percorrín un bo anaco de planeta e cheguei a coñecer lugares dos que sempre gardarei bos recordos. Cada unha das viaxes con cadansúa historia, lembranzas, incidentes ou anécdotas, servíronme para ir trazando un relato de cada experiencia vivida. As miñas primeiras grandes viaxes foron á aldea ourensá Niñodaguia, que se hoxe son un paseo daquela eran toda unha odisea de arredor de cinco horas dende A Coruña na DKW do meu pai. Mais esas vivencias de infancia son as que nunca se esquecen e quedan marcadas a lume para sempre. Outra foi a de ir a Salamanca nun mes de maio en tren, a unha Castela que imaxinaba sumamente seca, e asombrarme de ver inmensos campos de trigo agromando e tecendo un manto verde fermosísimo. Ese mesmo ano voltei en agosto, camiño do festival intercéltico de Lorient, e vin outra paisaxe ben diferente, máis asemellada aos campos de Castela descritos por Machado e aos que non lles quito o encanto que poidan ter. Despois chegou a miña primeira gran experiencia en avión, medio de transporte que non me agrada, e foi a México, onde vivían os meus irmáns. Con todo o respecto que me dan os avións, aquela longa viaxe con transbordo na cidade canadense de Montreal foi ben tranquila. Anos máis tarde, con Luar Na Lubre e tamén a título persoal, voltei a América en numerosas ocasións, Canadá, EE.UU., México, Colombia, Venezuela, Brasil, Uruguai, Perú, Arxentina ou Chile, tendo experiencias absolutamente marabillosas que darían para escribir moitas lembranzas. E, como non! Percorrín practicamente toda Europa. Nunha ocasión, coincidiunos tocar na expo internacional de Hannover (Alemaña) e cadrou co tráxico accidente do avión Concorde. Era o 25 de xullo do 2000 e morreron todos os ocupantes, a maioría de orixe alemá. Aquilo afectou directamente ao meu respecto a voar e decidín a miña volta á casa por terra. Así foi! En bus de Hannover a Donostia onde durmín, e da bela Donostia á Coruña en tren. 24 horas de viaxe para chegar á casa mentres os meus compañeiros en menos de catro horas xa estaban descansando nas súas. Iso si! O que eu vivín nesa viaxe non mo quita ninguén, inesquecible!