10 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar de que agora practicamente só os vemos en museos etnográficos ou como elementos decorativos nas tabernas ou en casas particulares, os xugos noutrora foron ben importantes. Pezas de madeira que xonguen un ou dous animais de tiro, normalmente bois ou vacas, a un carro ou outro instrumento agrícola que teña que ser movido pola forza da tracción animal como tamén pode ser un arado. E falo en presente porque, a pesar da súa galopante desaparición, aínda quedan lugares en Galicia, cada vez menos, onde se seguen empregando. Considérome testemuña presencial e viva do ritual de cando se xunguían os animais ao carro para facer unha chea de labores propios da labranza e do campo. Sen ser un gran investigador coñezo os diferentes tipos de xugos empregados en Galicia e por suposto restaurador dos que conseguín que caeran nas miñas mans que son arredor dunha ducia. Na nosa terra hai principalmente tres tipos de xugos: os de canga ou cangalla, os de cancís e os cornais ou de mulida, cada un coas súas distintas características e estendidos por diferentes áreas do país. Os de cangalla atópanse na totalidade da provincia da Coruña, noroeste da de Pontevedra e no norte e oeste da de Lugo. Os de cancís atópanse no sur da provincia de Pontevedra, na zona central de Lugo e, en Ourense, están localizados no Val do Miño. Estes dous tipos de xugo, axugan as vacas polo pescozo mentres que os cornais ou de mulida fano polos cornos e atópanse na práctica totalidade da provincia de Ourense e na parte oriental de Lugo.

Chámaselles cornais ou de mulida porque van atados aos cornos e tamén pola característica peza denominada mulida que é unha pequena almofada de pel que ten como función evitar o roce do xugo coa pel do animal. De novo, e no camiño do progreso, este é outro elemento que desaparecerá xunto co carro do país como artiluxios funcionais dos nosos labregos. Agora son pezas de museo e ornamentais con certo valor xa que algúns deles están laboriosamente decorados con elementos xeométricos astrais ou vexetais que os converten en traballos artesanais ben fermosos. Mágoa que esa transformación teña como fondo a desaparición dun xeito de facer e de cultura, pero neste caso a chegada dos tractores e outros vehículos de traballo, fixéronlle a vida máis doada e cómoda aos nosos labregos, de aí o rápido declive deses fermosos e antigos elementos.