A finais dos 80, cando empezaba a desenvolverme como gaiteiro, comecei a estudar todo o que chegaba ás miñas mans relacionado con este instrumento. Cancioneiros galegos como o de Casto Sampedro y Folgar, o de Bal y Gay ou o de José Inzenga, por citar algúns, eran os referentes máis importantes que había daquela e que aínda hoxe seguen sendo libros de cabeceira e de estudo. Naqueles anos era doado chegar a moitos lugares de Galicia onde a música tradicional estaba viva e brillaba con luz propia.
Así, seguindo as pautas destes mestres que percorreron Galicia recollendo e transcribindo música nun tempo no que os medios eran máis ben escasos, quixen probar a facer algo similar pero dispoñendo de medio de transporte propio, máquina fotográfica e gravadora. Boteime á aventura e fun visitando zonas de Galicia onde tiña coñecemento de que podería haber algún informante. Percorrín algúns lugares, mais, por amizades achegadas, de onde me chegaban máis informacións era da comarca da Fonsagrada e de toda a franxa asturiana colindante, e alí fun. Cando cheguei por primeira vez a aquelas terras pola que aínda chamaban carreteira erótica, pola cantidade de curvas que tiña o traxecto dende Lugo ata a propia Fonsagrada, topeime con moitos tocadores de gaita que eran realmente incribles.
Alí descubrín diferentes xeitos de tocar entre os que predominaban os chamados toque pechado e semipechado, estilos antigos moi característicos de determinadas áreas de Galicia e que lle confiren un son moi peculiar á tímbrica da gaita. Tamén vin gaiteiros cunha destreza na afinación, no tempero, no tempo e na dixitación que ate ese momento non vira nos gaiteiros de tradición sen formación ou estudo. Alí gravei, fotografei, compartín e aprendín con eles en moitas ocasións, mais sobre todo creei un vínculo de amizade e relación que perdurou no tempo e que aínda continua na actualidade xa con familiares e amigos destes grandes transmisores da tradición porque por desgraza, de todos aqueles grandes que eu coñecín, xa non queda ningún vivo, mais si o seu legado e os grandes momentos compartidos e vividos. Con boa parte daquel material dixitalizado e gardado, agora tócame transmitir e compartir aquilo que vivín e aprendín, porque niso consiste a tradición oral.