Dalí en EE.UU.

CULTURA

09 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Son paradoxos da vida e da historia política da nosa pintura. Mentres os españois recuperabamos o emblemático Guernica de Picasso, que veu de New York a Madrid o 19 de setembro de 1981, aquí despreocupámonos da obra de Salvador Dalí, que foi parar á cidade de St. Petersburg (Florida, EE.UU.), onde se inaugurou no 2011 un novo e grande Museo Dalí, nun espléndido edificio de cristal e formigón, a proba de furacáns, que garda a colección máis extensa e completa do artista fóra de España.

O director deste museo, Hank Hein, definiu aquel momento coma «o comezo dunha nova era para a cultura da rexión». E a cidade foi testemuña dun desfile surrealista que percorreu a distancia que separaba o museo antigo do novo. E houbo unha espontánea interpretación do legado do xenio español, con persoas disfrazadas de toureiros, de imaxes dalinianas e outras surrealidades. Porque, como ben explicara un dos asistentes: «Dalí é facer o que che dá a gana». Un canto á liberdade pictórica e vital. A colección deste museo conta con 96 óleos e centos de acuarelas, acrílicos, gravados e outros obxectos artísticos deseñados polo excéntrico xenio español (moi amigo do noso Julio Camba, por certo). Trátase de obra doada pola familia Morse, que son os donos da colección privada máis grande do pintor catalán.

Albert Reynolds Morse era un enxeñeiro industrial de Ohio que se fixo multimillonario cunha patente para a fabricación de plásticos. Coñeceu a Dalí e á súa dona Gala en 1943 nun hotel de New York e, desde entón, mantiveron unha fonda e continuada amizade que durou máis de corenta anos. Foi ó longo deste tempo cando el mercou centos de obras do gran pintor. As mesmas que agora converten a St. Petersburg na capital cultural de Florida, onde Dalí segue a ser moito máis admirado e recoñecido que na súa propia patria. Quizais porque en España sempre mesturamos, moi inoportunamente, a política e a creación artística.

Así chegamos a un resultado paradoxal e moi español. Dalí, acusado de simpatizar co franquismo (cando era moi anarquista, como ben dicía Camba) foi sendo relegado, para que o gran Picasso ocupase un trono que quizais debería compartir con Dalí e mesmo tamén con Miró.