Hai uns días vin un fermosísimo exemplar de femia de teixugo tristemente morto na gabia dunha estrada próxima á miña casa. O máis lamentable é que coincidindo co tempo de apareamento desta especie, pareceume que estaba preñada. Teño visto teixugos en moitas ocasións indo no coche de noite e incluso estiven a piques de atropelar algún. Parécenme animais fascinantes e misteriosos, deses que forman parte dos nosos ecosistemas máis achegados e que ademais son bos controladores dalgunhas pragas que poden afectar a determinadas colleitas. Tamén é verdade que nesas mesmas colleitas, en ocasións, os teimudos teixugos fan algunhas desfeitas que poden ser considerables e quizais por iso non son moi ben vistos por algúns labregos. A moi pouca distancia da miña casa teño visto moitas das tobas que teñen feitas no chan e nos valados, pero sendo como son, tan fuxidíos, non fun quen a velos.
Para quen non o coñeza, un teixugo é un mamífero da familia dos mustélidos, coñecido na zooloxía como Meles meles, ten unhas bandas brancas e negras na cabeza que mesmamente semellan un anteface, con patas de cor negra e unha pelaxe abondosa no lombo de cor gris prateado. É un animal moi estendido e popular por todo o territorio galego e coñéceselle con diferentes nomes; dependendo da zona, pode ser melandro, teixo, teixugo, porco teixo ou tourón. Xa que logo, na toponimia están moi presentes por toda Galicia, de norte a sur hai referencias aos teixugos, ás teixugueiras, aos touróns, aos teixóns ou aos teixos, aínda que neste caso poida mesturarse ás veces coas míticas árbores.
Tamén hai unhas cantas Tanxugueiras, elixida como palabra galega do ano 2021. É unha forma dialectal non recollida oficialmente, pero viva na microtoponimia e de plena actualidade grazas ás eurovisivas cantareiras. En definitiva, estamos diante dun animal moi popular na nosa terra, que se non o preservamos pasará como moitos outros a ser unha nova especie en vías de extinción. A dinámica do noso xeito de vida e de xestión do noso ecosistema indica que a estes introvertidos animaliños é posible que non lles vaia moi ben.
Así e todo, aos que nos gusta o equilibrio, e tentamos procuralo, toca esixirnos a maior das sensibilidades no coidado das especies da nosa contorna. Vainos a vida e a saúde nelas. Así que ollo!