Hexapétalas

CULTURA

Quen me coñece un pouco sabe que unha das miñas paixóns é a recompilación da simboloxía tradicional galega. Non son un erudito na interpretación nin no entendemento da mesma, aínda que si me considero un bo recuperador do que son algunhas das nosas simboloxías máis sagradas como poden ser os trísceles, tetrásceles, espirais, rosetas e cruces cumiais. Particularmente, neste artigo, vou tentar afondar nunha desas formas máis coñecidas como son as rosetas hexapétalas.

Probablemente, de todas as dese conxunto, é a xeometría máis común. De carácter protector / benfeitor, é tamén a que máis veces aparece representada nas catro provincias galegas. É un símbolo moi familiar e doado de facer cun compás, co que trazando a intersección de 6 círculos sobre un central do mesmo tamaño, proxéctase a hexapétala, da cal incluso parten outras xeometrías máis coñecidas como os trísceles, etcétera.

A súa orixe é incerta, e está vencellada a moitas culturas, mais en particular pode ser que á cultura celta sexa na que o seu emprego é máis habitual e á que máis se asocian as primeiras representacións. Podemos vela por todo o continente europeo e tamén na zona norteafricana do Magreb. Foi un símbolo adoptado polos romanos, que tamén o empregaron con frecuencia na súa arte tanto civil como relixiosa, e quizais, debido a que o imperio a fixo propia, poida que con eles se estendese a diferentes áreas territoriais, quedando vestixios nas distintas culturas polas que este imperio deixou pegada.

En Galicia as máis antigas parten da Idade de Bronce, cando proliferaron os cultos solares. Desta época conservamos un bo número de representacións tanto labradas en pedra coma delicadamente incorporadas á ourivaría. Máis tarde, coa dominación romana, podemos velas en diferentes representacións artísticas especialmente nas estelas funerarias galaico-romanas. Soen estar presentes tamén no arte relixioso prerrománico e románico con bastante frecuencia, e por suposto en múltiples representacións domésticas, civís e relixiosas dende aquela ate hoxe. Polo tanto unha simboloxía xeométrica proxectada no tempo, que forma parte da nosa cultura e que nos interrelaciona con moitas outras culturas do noso continente e máis alá.