Santo Amaro

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

08 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

TNa tradición irlandesa, os Immrama son aquelas viaxes feitas a través do mar por un heroe. Non exentas de grandes riscos e aventuras, o obxectivo principal era a procura do paraíso situado nunhas illas do occidente. Son antigos relatos da tradición céltica trazados dende unha óptica cristiá e que ata o mesmo Cristóbal Colón na súa visita a Irlanda chegaría a coñecer.

Nos meus paseos habituais pola contorna costeira coruñesa é obrigado o paso a carón do cemiterio de Santo Amaro. Un camposanto que se empezou a construír no ano 1812 seguindo os criterios de salubridade pública da época. Un dos máis antigos de Europa e probablemente dos mellor conservados da península, e dende logo o que ten as vistas máis espectaculares ao Atlántico, en concreto á fermosa ría da Coruña e á costa de Mera. Un lugar consagrado a un dos santos navegantes do noso océano, e moi próximo a Punta Herminia dende onde o deus clásico Hermes levaría as ánimas ao inframundo, ou quen sabe a onde… Simboloxía, mitoloxía e tradición mesturadas coa relixiosidade xúntanse nun lugar moi recomendable de visitar cando de guía está o erudito e único Suso Martínez caracterizado de Fiz de Cotobelo, alma en pena nos camiños do mar dos antigos celtas. A do Santo Amaro é unha desas lendas ben achegada aos Immrama irlandeses e conta, resumidamente, que a este nobre de orixe asiático obsesionado con ver o paraíso terreal, aparecéuselle Deus unha noite e deulle o mandato de construír unha barca para navegar con ela o camiñar do sol, é dicir, cara occidente. Moitas foron as aventuras e vicisitudes naquela viaxe ata que puido chegar ás portas do mesmo paraíso onde como ser humano non podía entrar; mais Amaro pediulle ao gardián que polo menos lle deixase ollar o que había dentro. Cando Amaro puido ver as marabillas do paraíso quedou abraiado e pregoulle de novo ao gardián que o deixase entrar, mais de novo a resposta foi negativa. Rendido volveu ao lugar onde deixara a barca e non atopou os seus compañeiros pero no sitio erguérase unha cidade que levaba o seu nome. Alí faláronlle dun home santo que había 300 anos marchara cara a illa do paraíso, onde os segundos son eternidades. Era el.