Ambas institucións intensifican a colaboración co gallo do 40.º aniversario da Cámara autonómica
01 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Afundación colaborará co Parlamento de Galicia na conmemoración do 40.º aniversario da institución autonómica. Onte, o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, e mailo presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, asinaron un protocolo polo que ambas entidades unirán esforzos para a promoción e divulgación dos seus fondos artísticos, e tamén para o desenvolvemento de actividades culturais.
No acordo entre a Cámara galega e a Obra Social de Abanca, ambas comprométense a traballar da man en accións que impulsen unha maior divulgación dos seus fondos artísticos mediante a organización de exposición e intercambios de obras; á investigación, estudo e publicacións das súas obras, autores e temáticas, que profunden no coñecemento e na difusión deste valor artístico cultural; á promoción do coñecemento, protección e axuda aos bens do patrimonio histórico e cultural de Galicia; ao fomento e enriquecemento cultural a través de actividades propias cos fondos artísticos, arquivos, centros de documentación ou bibliotecas, entre outros; e á promoción do coñecemento do Parlamento de Galicia, dentro das actuacións que se realicen con motivo do seu cuadraxésimo aniversario.
Este acordo asinado este luns na sede de Afundación en Santiago é o segundo entre a Obra Social de Abanca e o Parlamento. Como recollen nun comunicado, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, incidiu en que o protocolo pon de manifesto a fortaleza da colaboración institucional entre ambas as entidades, de xeito que se complementan e apoian «para sumar esforzos e recursos postos ao servizo do coñecemento e da cultura en Galicia». Pola súa banda, o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, agradeceu a cooperación ofrecida por Abanca no ámbito da programación cultural do Parlamento. Ademais, engadiu que constitúe un exemplo a seguir pola súa implicación e compromiso coa realidade social de Galicia.
O protocolo asinado onte ten unha duración dun ano, pero é prorrogable. Ao rubricarse coincidindo co cuadraxésimo aniversario do Parlamento, desde as dúas institucións considérano unha oportunidade para intensificar o seu labor conxunto en actividades relacionadas con dita conmemoración. O primeiro acordo firmado entre a Cámara galega e a Obra Social de Abanca permitirá un intercambio de pezas de arte entre ambas as coleccións para impulsar actividades culturais por parte do Parlamento fóra da súa sede no pazo do Hórreo en Santiago.