O momento final da cruenta batalla estaba chegando a termo despois dun implacable asedio no que os romanos someteron aos galaicos no monte Medulio. Só era cuestión de tempo para que a loita valente dos homes e mulleres que defendían heroicamente o lugar rematase traxicamente. O historiador Paulo Orosio deixou escrito nun relato considerado como un dos máis fiables sobre o suceso que despois de longos e duros combates foron sometidas as rexións máis extremas da Gallaecia.
Así lle puxeron cerco ao monte Medulio, que se ergue sobre o río Miño, onde se refuxiaron unha grande multitude de homes e mulleres. Ao ver que non eran capaces de resistir o duro asedio nin de loitar nobremente contra os invasores, estas xentes decidiron suicidarse antes de caer na servidume, e fixérono con lume, ferro e veleno. Segundo o relato de Orosio, e, atendendo a moitas interpretacións posteriores feitas destes feitos, suxírese que esta decisiva batalla tivera sido na contorna do monte de Santa Trega atendendo á descrición: «Un lugar estremeiro da Gallaecia inzado de montes e selvas que remata no océano onde se erguía un monte proxectado sobre o río Miño».
Outro historiador romano que escribiu sobre esta batalla foi Lucio Anneo Floro. Di que logo de que os bárbaros viron chegar o seu fin, teimadamente, entre festas e bebendo, déronse morte con lume, espada e un veleno extraído dos teixos. Para eles era xeito de librarse da catividade á que ían ser sometidos e que lles parecía peor que a mesma morte, xa que nunca ata ese momento foran dominados.
Esta historia lendaria inzada de heroicidade e dramatismo é unha das moitas que se deron durante a conquista romana. Hai moitas hipóteses abertas sobre a situación destes feitos que abranguen dende Cantabria ata a Galicia oceánica, atendendo aos datos que deixaron os historiadores, mais tamén en base a diversos topónimos relacionados que perduran na actualidade como poden ser As Médulas no Bierzo, Castro Meduales en Asturias ou Monte Medelo en Galicia. Quen sabe...? Sexa como fora, aí está a historia, que se tivese acontecido por outros lares xa a teriamos visto no cinema.