Nós

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

14 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como este é o mes de Castelao (morreu o 7 de xaneiro e naceu o 30), Clío suxírenos que lle dediquemos esta e outras columnas a salientar algúns aspectos da súa vida ou da súa obra. Ninguén, que eu lembre, comentou na prensa diaria a edición facsimilar do álbum Nós, impresa pola editorial Galaxia e subvencionada pola Deputación de Pontevedra en febreiro do ano pasado. Reproduce a príncipe, feita en Madrid no mes de marzo de 1931, vésperas da Segunda República.

O álbum contén un prólogo —sen título e con tipografía manuscrita— dunha soa páxina —a prosa lacónica de Castelao— na que, ao caracterizar o «medio cento de dibuxos» seus, esboza unha especie de manifesto sobre o compromiso cívico do artista plástico con palabras desta claridade: «Eu non quixen cantal-a ledicia das nosas festas, nin a fartura dos casamentos, sinón as tremendas angurias do decotío labrego e mariñeiro». Lémbrese que Castelao expuxo estas 50 estampas, arredor de 1917, «en todal-as cidades e vilas da Galiza» para «desacougar a todol-os licenciados da Universidade (amas de cría do caciquismo), a todol-os homes que vivían do favor oficial».

Que se saiba, non existen textos tan explícitos sobre o compromiso do artista anteriores a 1917. Para atopármonos con observacións tan radicais sobre o compromiso hai que chegar a 1947, o ano no que Jean-Paul Sartre teorizou sobre o compromiso literario (e non só) no seu libro Qu'est-ce que la litterature? Supoño que Sartre gustaría de observacións como esta: «Con todo, eu sigo coidando que o pesimismo pode ser libertador cando desperta carraxes e cobizas dunha vida máis limpa».

O título deste álbum de denuncia esixe, cando menos, unha consideración. É a primeira vez na historia de Galicia na que un artista plástico emprega Nós, referido a Galicia, como un pronome que acolle, esencialmente, as figuras dos asoballadores e as dos asoballados, entre estes aquela meniña da aldea que, interrogada por outra da súa mísera condición social, responde que o Rei «comerá... comerá... zucre», resposta que faría as delicias dos sociólogos marxistas, inexistentes na Galicia de 1917.