Achan en Sobrado unha lápida romana dunha nena de 9 anos

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Campamento romano de Ciadella. Vista xeral do importante asentamento militar romano de Ciadella, no municipio coruñés de Sobrado dos Monxes. Á dereita, detalle da estela funeraria atopada, pertencente a unha nena falecida aos nove anos, un mes e nove días, segundo informa a súa inscrición, que sitúa a súa orixe na época romana tardía.
Campamento romano de Ciadella. Vista xeral do importante asentamento militar romano de Ciadella, no municipio coruñés de Sobrado dos Monxes. Á dereita, detalle da estela funeraria atopada, pertencente a unha nena falecida aos nove anos, un mes e nove días, segundo informa a súa inscrición, que sitúa a súa orixe na época romana tardía.

Os datos da inscrición xustifican a excepcionalidade da estela funeraria

21 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O equipo de arqueólogos que traballa no campamento romano de Ciadella (Sobrado) realizou un achado excepcional durante os labores de escavación da via principalis, a rúa máis importante deste asentamento de carácter militar, cuxa ocupación inicial remite ao século I despois de Cristo. Trátase dunha estela (ou lápida funeraria) epigrafada que orixinalmente estaría de pé, chantada sobre a terra. Agardando unha lectura definitiva, a inscrición que conserva, de bastante calidade, revela que foi instalada por un home en memoria da súa filla, unha nena falecida á idade de nove anos, un mes e nove días. A peza pode datarse na época romana tardía aínda que apareceu reutilizada como parte dun muro na citada via principalis.

Este vestixio non só permite coñecer os nomes das persoas que viviron en Ciadella hai máis de 1.500 anos, que «é algo así como poñer rostro á Historia», senón porque resulta moi pouco frecuente que se indique a idade da persoa falecida datada en anos, meses e días.

A campaña desenvolvida no campamento romano de Ciadella —que, posta en marcha pola Xunta, executada pola empresa Terra Arqueos e iniciada o pasado 2 de novembro, comprende nove meses de traballos— dá continuidade ás actuacións xa impulsadas nos últimos anos e que, no seu conxunto, suman un investimento de 600.000 euros. O equipo de arqueólogos e restauradores trata de «poñer en valor este asentamento militar e difundir a súa importancia entre a cidadanía». A superficie de intervención suma un total de 2.565 metros cadrados nos que se atopa o denominado principia, unha edificación duns 1.200 metros cadrados que funcionaba como cuartel xeral e espazo medular do forte romano, e a via principalis, a arteria viaria do campamento que comunicaba as catro portas do forte.