Só por esta vía, e comezando canto antes co énfase debido, creo posible que a data picassiana do 2023 non pase sen pena nin gloria para nós. Algo que sería de lamentar. Porque son moitas as testemuñas de confesións dun Picasso emocionado ó relembrar con galegos algúns episodios da súa vida na Coruña. O finado xornalista Antonio D. Olano (nacido en Vilalba, Lugo) contaba isto dos seus encontros co pintor, sobre todo cando ía velo e comparecía ante el cun paquete de mariscos que o aledaba polo que tiñan de vívida lembranza da súa adolescencia na capital galega.
O músico Juan Pardo tamén tivo unha feliz relación con el. Algo que se podía dicir igualmente de Camilo José Cela e doutros galegos que escoitaron del fermosas acordanzas da praza de touros coruñesa e dos xogos infantís na praza de Pontevedra. Porque de toda esta memoria habería que tirar!