Espantallo amigo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Xosé Neira Vilas.
Xosé Neira Vilas. EDUARDO PÉREZ

19 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Así se titulou, en 1971, a primeira achega de Xosé Neira Vilas á narrativa infantil. O autor, no subtítulo, advírtenos que se trata dunha «Noveliña pra nenos... e pra grandes», o que non era un reclamo comercial. Reléoa, no seu cincuentenario, e gocei da lectura, e que conste que o relato érame moi familiar, tanto que, hai medio século, fun o encargado de coidar a edición desta «noveliña», que publicou, en Lugo, a editorial Celta, coa que eu colaboraba moito.

Fun eu, co agrado de Neira Vilas, quen buscou os ilustradores de Espantallo amigo, que foron sete: Emilio, Xesús e Sara Alonso Pimentel, fillos meus; Juan A. Muñoz Pimentel, sobriño, e Xoán Lucas do Rego Santín, Xosé Eduardo Rei Moure e Francisco Barreira Vázquez. Eran todos, agás a nena, alumnos do Instituto Masculino de Lugo, no que eu era catedrático. Os debuxos compraceron a Neira Vilas, quen, un ano despois (na primeira viaxe feita a Galicia desde 1949), dedicou, con agarimo e coa súa coidada caligrafía, exemplares aos debuxantes, rapaces entre once e trece anos.

A noveliña, unha das pioneiras da narrativa infantil galega, tivo éxito, debido, en parte, ao tipo de humanismo tan presente nos relatos do autor e ao xeito con que nos transmitía as «inquedanzas» do grilo, dos merlos, do can Penexo e do gato Xirimía, que non tardaron en facérense amigos do Espantallo. Gato, can, grilo e merlos falaban co Espantallo como nas mellores fábulas, e non só foron solidarios co tío Ramón de Reborneda, velliño pobre, senón que aprenderon das prédicas do Espantallo a filosofía resumida nun dos seus soños: «Que se tiña acabado a ruindade na aldea, que todos eran amigos». Como nas mellores fábulas, o autor deleita e ensina, dous elementos que nesta «noveliña» casan literariamente.