Empatía

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

La erupción del volcán Cumbre Vieja
La erupción del volcán Cumbre Vieja Carlos de Saá | Efe

05 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días estamos a seguir con atención as noticias directamente relacionadas coa erupción do volcán Cumbre Vieja situado na illa da Palma, nas Canarias. Dá unha fonda tristura observar como a lava vertida dende as distintas bocas abertas vai devastando todo ao seu paso sen que nada sexa capaz de parala. A colada arrasa con todo e non deixa nada máis que o seu propio trazado levando por diante o que atopa ata internarse no mar.

Agora iremos vendo perplexos como todo ese magma entra no océano e fai medrar a illa ata que a actividade do propio volcán cese. Un auténtico drama humano por enriba de todo pero tamén económico e con consecuencias emocionais non doadas de reparar. Pero tamén, se non fose por todo o que supón, un marabilloso e fascinante espectáculo da natureza á que nunca debemos darlle as costas.

O caso é que con todo este suceso de máxima importancia, hai un gran número de científicos, vulcanólogos, xeólogos, etcétera, traballando sobre o terreo para recadar información, entendo que moi valiosa, da que poderán extraer novos e valiosos coñecementos que axudarán nun futuro máis ou menos inmediato.

Non me quixera ver na situación da xente afectada e síntome empático e solidario con eles por diferentes motivos, pero fundamentalmente, porque en Galicia tamén sabemos o que son os desastres. Nós non temos volcáns pero vivimos moi de preto os incendios devastadores dos nosos montes así como tamén desastres ecolóxicos de grande magnitude repetidos ciclicamente nas nosas costas.

Neses intres delicados sentimos a solidariedade de moita xente que nos apoiou de moi diferentes maneiras e por iso sabemos o que significan estes momentos duros para os habitantes da Palma. Eu dende está breve columna quero amosar o meu apoio ao pobo canario, particularmente aos habitantes da illa da Palma e en especial a todos aqueles que perderon algo nesta traxedia. Dende este recuncho atlántico dos confíns da Europa continental, unha aperta fraternal de irmandade e moito ánimo!