Auga

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Ruta da Auga, en Zas
Ruta da Auga, en Zas XOSÉ AMEIXEIRAS

21 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre escoitei que Galicia é o país dos mil ríos, pero hai quen di que chega ata os dez mil, imaxino que contando regos, regatos e outras derivacións fluviais menores. Unha absoluta riqueza hídrica que nos convertería en potencia se non fose porque o seu estado de conservación xa é outro cantar.

Creo que aínda non somos conscientes do significado e importancia da auga tendo a sensación erradamente establecida de que aquí nunca nos vai faltar. Como chove abundantemente e temos tantos ríos e fontes, malo será! Pero moito ollo, as cousas están mudando e, dende hai tempo, xa hai quen avisa do que nos pode chegar a acontecer se non temos coidado. Aínda estamos a tempo de atender ás infraestruturas dos ecosistemas fluviais, recuperando as poboacións de especies autóctonas erradicando as invasoras que ameazan á nosa flora e fauna.

Por outra banda, o estado de conservación dos ríos non pode ser só aparente, senón que debe ir acompañado do saudable do hábitat no que o propio río interactúa e se fósemos intelixentes deberiamos ser moito máis sensibles e coidadosos xa que todo isto vai incidir directa ou indirectamente no noso propio benestar e saúde. Lembro de cativiño xogar en diferentes ríos e regatos do país, bañarme e incluso beber as súas augas que aínda eran limpas e saudables, tamén da cantidade de vida que había tanto nos propios ríos como na súa contorna.

Hoxe, algúns daqueles nos que eu gozaba xa non están do mesmo xeito e mesmo presentan unha triste imaxe. Non debemos esquecer que temos unha cantidade de auga inestimable, nos ríos, en mananciais de augas termais e de augas minerais sas e puras, tamén fontes con augas limpas aptas para o consumo, posuímos unha riqueza impresionante a coidar, respectar e pór en valor sen deixar de visualizar a realidade de que noutros países e lugares do mundo existen graves conflitos e incluso guerras por algo que a nós aínda nos segue a parecer que nos veu dado.

Así que concienciémonos e sensibilicémonos coa protección dos ríos como símbolos de vida.