Emigrantes

CULTURA

14 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Circunstancias adversas da historia fixeron que nos últimos séculos o galego fora un pobo de emigrantes na procura dunha pretendida mellor vida. Este feito non exento de dramatismo e de valentía é similar ao que se deu en países como Irlanda ou Portugal, entre outros. Os meus avós e os meus irmáns emigraron a Cuba, Suíza ou México e máis familia foi cara a Arxentina, Uruguai ou Estados Unidos con diferentes resultados vitais. Eu tiven moitos factores favorables para ser un emigrante máis, pero nunca quixen deixar a miña terra.

Sen entrar nas fonduras da complexa problemática da emigración, algunhas non difíciles de deducir, está claro que principalmente constitúe unha traxedia por teren que deixar a familia e a terra na que naceron. Non obstante, en moitos casos supón a posibilidade dunha mellora persoal nun mundo novo, cando menos dende o punto de vista económico pero non exenta de tristura e certa traxedia.

Eu non marchei, pero o devir da vida deume a posibilidade de viaxar por moitos lugares, incluso por aqueles nos que estiveron e están os meus familiares emigrados. Nestes países sempre pretendín achegarme a entender, dende outro tempo ben diferente, o que eles puideron vivir e sentir con toda a complexidade que supón traspor situacións espazo/temporais. Un meu avó viviu un tempo en Cidade de México e alí morreu sen eu chegar a coñecelo, o outro en Santiago de Cuba, onde pola revolución tivo que marchar deixando un importante negocio. É difícil poñerse na pel do que eles viviron, apenas entender o que pensaban, como desenvolvían o seu día a día, e moito menos o que sentían despois de marchar do seu recuncho natal e vital a semellantes lugares tan diferentes.