Francisco Fernández Buey!

CULTURA

10 sep 2021 . Actualizado a las 12:50 h.

Faleceu en Barcelona, con 69 anos, o 25 de agosto de 2012. Alí, onde viviu e foi catedrático universitario, un elenco numeroso e moi valioso de persoas do eido do pensamento (do pensamento crítico), con Salvador López Arnal como un dos motores, está a preparar unha serie de actividades de homenaxe. Non merece menos este pensador gramsciano (et non solum) que, xa en 1979, publicaba un libro esencial sobre o antidogmático filósofo sardo. Virían, logo, entre outros, Contribución a la crítica del marxismo científico (1984), Discurso para insumisos discretos (1999), La barbarie. De ellos y de los nuestros (1995), Marx (sin ismos) (1999), Poliética (2003), Guía para una globalización alternativa. Otro mundo es posible (2004), Albert Einstein. Ciencia y conciencia (2007) e Por una universidad democrática (2009). Preparaba, nas vésperas do pasamento, un estudo sobre Manuel Sacristán, o seu mestre e de tantos lectores esixentes en Europa e América.

Xa se teñen publicado libros e colectáneas de homenaxe a Fernández Buey, pero aínda non existe a biografía que esixe a súa nobre e esforzada vida: o alumno activista, un dos fundadores do Sindicato Democrático de Estudantes, o soldado -como castigo- no Sáhara español, o profesor plurirrepresaliado... Eu tiven o privilexio de ser o seu profesor de Literatura, en 6.º curso, no Instituto Jorge Manrique de Palencia (1959-1960).

Os amigos e admiradores de Barcelona queren colocar unha placa na rúa (carrer) Bonaplata, 59, onde viviu, máis de corenta anos, coa admirable Neus e co seu fillo Eloy. Paco, cidadán gineriano, non erguería nin o dedo maimiño para que o seu nome figure nunha rúa barcelonesa, pero a nós, á posteridade, á Memoria Histórica, esa exhibición si nos importa. Dentro duns poucos anos o veciño máis ilustrado da rúa explicaralles aos nenos que se dirixen á escola que quen residiu alí, sen chamarse Messi, foi un valente e sabio benefactor moral e intelectual. Mesmo penso que algún taxista unha miguiña ilustrado -quizais galego, como seu pai, do Porriño- lles aclare que aquel Francisco Fernández Buey filosofaba desde abaixo.