Picasso versus Dalí

CULTURA

28 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo en que os pintores españois Pablo Picasso e Salvador Dalí gozaban dun recoñecemento popular moi semellante en todo o mundo occidental, sobre todo en EE.UU. e en Europa. Mais cando chegou a hora das súas mortes todo se angarellou e confundiu. Dalí foi inequívoco no seu testamento: «Declaro herdeiro universal e libre de todos os meus bens, dereitos e creación artística ó Estado español co fervoroso encargo de conservar, divulgar e protexer as miñas obras de arte». ¡Gran erro!

Porque o seu vello soño de ter un gran museo en Madrid ou Barcelona desfíxose nun reparto político, que argallou Jorge Semprún, daquela ministro de Cultura, quen concluíu que «o Estado velará para que se faga un reparto equitativo do legado de Dalí, o que quere dicir que a Cataluña lle toca a maior parte da herencia do artista, como é lóxico». ¿De que lóxica falaba Semprún? Porque Dalí non quería iso. Estaba claro que quería ter toda a súa obra reunida nun único museo, en Madrid ou en Barcelona, non repartida a capricho de políticos, ministros ou conselleiros. ¿Por que calaron daquela os grandes expertos de arte españois? ¿Se cadra porque Dalí non fora antifranquista?

Anos despois, o prestixioso xornalista estadounidense Stephen Blake viaxou a España para ver as obras donadas por Dalí -un pintor ó que tiña polo mellor do mundo e ó que consideraba moi superior a Picasso- e sentenciou: «O malagueño gañoulle a partida da posteridade só porque puxo ós comunistas á fronte do seu aparato de axitación e propaganda». Blake acudiu a Madrid ó Museo de Arte Contemporáneo Reina Sofía, onde cría gardadas unhas sesenta grandes pezas do pintor catalán, mais só puido ver unhas vinte, «compartimentadas baixo distintas etiquetas e absurdamente separadas unhas doutras».