Os Premios Martín Códax buscan visibilizar a música galega nun momento complicado pola pandemia

CULTURA

Sandra Alonso

Entregará unha vintena de premios o 27 de outubro en Pontevedra

19 ago 2021 . Actualizado a las 18:20 h.

Os Premios Martín Códax da Música recoñecerán unha vintena de proxectos o 27 de outubro en Pontevedra. Esta oitava edición dos galardóns toman unha maior relevancia no actual contexto. «Continuamos nunha situación de pandemia e complicada para o sector musical e por iso consideramos necesario que se sigan celebrando os premios. É preciso visibilizar a situación do gremio e darlle espazo a toda a creatividade musical que temos no país», asegurou Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Martín Códax.

Precisamente, pola situación pandémica, haberá cambios nos recoñecementos Organistrum, que premian salas, festivais e proxectos de comunicación social. Se en anos anteriores o gañador era sometido á decisión do xurado, nesta oitava edición as distincións correspondestes ás salas e festivais serán outorgadas directamente pola asociación organizadora, ao igual que se viña facendo co Premio Honorífico. «Salas e festivais son os que máis están padecendo esta situación», afirmou a presidenta do colectivo.

O que continuará igual serán as votacións para as dezasete categorías musicais que se premian: pop e indie, rock, blues, funk e soul, metal, canción de autor/a, músicas urbanas, reggae, ska e mestizaxe, electrónica, música clásica e contemporánea, jazz e músicas improvisadas, música tradicional, fok, músicas do mundo, música infantil, orquestras, grupos e música de verbena, coros e grupos vocais e bandas de música popular. Haberá tres finalistas por cada un deles. O día 23 de agosto ábrese a inscrición libre e gratuíta, que pechará o 5 de setembro. A partir de aí un xurado avaliará os proxectos inscritos e sairá a listaxe dos 51 finalistas. Finalmente, serán as persoas asociadas a Músicas ao Vivo os que elixirán o gañador de cada un deles.

Esta oitava edición dos galardóns foi presentada este xoves na Sala Sónar de Santiago coa participación de directivas de Músicas ao Vivo e representantes das entidades que colaboran na súa organización, caso das Bodegas Martín Códax que se encargan do patrocinio, así como do Concello de Pontevedra, a Agadic da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Nese sentido, resaltaron o papel do colectivo por organizar unha nova edición dos premios. A responsable da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, destacou a importancia de que se siga celebrando os premios; mentres que o director da Agadic, Jacobo Sutil, puxo en valor que en Galicia se sigue mantendo moita actividade. Nese sentido, lembrou que a Xunta este verán apoia máis de 3.000 propostas este verán. Pola súa banda, a concelleira de Promoción da Cidade do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, fixo fincapé na capacidade de resistencia e resilencia da cultura galega nestes tempos. Por último, Rosa Bugallo, asesora cultural das Bodegas Martín Códax, asegurou que o apoio da entidade aos premios «non é un patrocinio, senón unha sinal de identidade». Ademais, animou ás empresas a apoiar a cultura. Para rematar lembrou as palabras do finado Fran Pérez, Narf: «Pase o que pase, que a música continúe».

«Estano pasando mal, pero os proxectos resisten»

Respecto á posible incidencia nas candidaturas aos premios despois de medio ano e medio de pandemia, desde Músicas ao Vivo sosteñen que «se algo temos claro é que en Galicia temos moitísimos proxectos. Estano pasando mal, pero resisten», afirmou Xiana Lastra. Unhas palabras que corroborou a secretaria do colectivo, Nastasia Zürcher, apuntando que «este ano e medio houbo moita produción». Explican que neste verán se recuperou un pouco a actividade, aínda que hai matices. «No verán pasado déuselle moito espazo aos grupos galegos e neste ano estase volvendo á dinámica anterior con grandes formatos e traer xente de fóra. Pensamos que as institucións públicas teñen esa obriga de loitar pola música que se fai no país, que é moita e de calidade. Non é necesario traer xente de fóra para facer un bo concerto», dixo Xiana Lastra.