O Cunqueiro máxico-rural

CULTURA

17 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai trinta anos, en 1981, o Banco de Crédito e Inversiones (BCI) publicou un libriño titulado Las historias gallegas de don Álvaro Cunqueiro, unha verdadeira xoia que suma 67 contos en só 142 páxinas. O propio escritor de Mondoñedo escribiu na introdución que «estas estampas son retratos ó minuto de diversos galegos, nos que aparecen algunhas das condicións esenciais deste pobo do Finisterre, a rexión máis occidental de España e do Vello Mundo». E engadía que «quizais esta extrema lonxanía fronte ó Océano lle teña dado ó pobo galego moitos dos seus caracteres máis propios».

Sexa como for, Cunqueiro ofrece neles uns retratos magníficos duns galegos que son, á vez, crentes e escépticos ou, como el di, «máxicos, racionalistas, supersticiosos e espirituais. Unha mestura bastante complexa, pero que constitúe un éxito humano». Uns galegos que viviron durante séculos rodeados de estrañas poboacións invisibles, os mouros, as fadas, protexidos por un conxunto que sorprende ós antropólogos de meigas, sabias, adiviñas e arresponsadoras…

Trátase duns contos que, paradoxalmente, unen extremos. E, postos nun plano literario, ilustran sobre a relación de autores moi diversos: desde os nosos grandes poetas rurais (con Antonio Noriega Varela e Aquilino Iglesia Alvariño á cabeza) ata os grandes narradores latinoamericanos (Gabriel García Márquez, Alejo Carpentier, Juan Rulfo, etcétera). Porque entre eles hai un elo común: a maxia do mundo en que escriben e que describen. Álvaro Cunqueiro podía viaxar polos espazos literarios máis diversos, reais ou imaxinarios, pero a súa raíz galega non podía estar ausente, e non o estaba. E este libriño con historias galegas de Álvaro Cunqueiro é unha proba irrexeitable da asombrosa extensión da súa obra, que non acata límites nin os consinte.

Sei que, ó dicir todo isto, estou a rozar algunha heterodoxia académica, pero a heterodoxia non sempre é algo negativo; polo contrario, moitas veces é a fonte de novas visións que acaban por se impoñer como novos camiños de luz. Cunqueiro intuía ou sabía moito de todo isto e demostrouno na súa obra literaria, tan rica, plural e diversa.