Cos indultos

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Kike Rincón | Europa Press

25 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribo esta columna o mesmo día en que o Consello de Ministros, presidido por Pedro Sánchez, concedeu o indulto a nove dirixentes cataláns independentistas, presos desde hai máis de tres anos como consecuencia do procés. Cumpriran xa, pois, unha boa parte da condena. Somos moitos os que, non cuestionando a sentenza dos xuíces, pensamos que este indulto pode ser de importante utilidade pública. Certamente, cómpre partir do feito de que este goberno, indultando, non fai nada ilegal: limitouse a exercer un dereito establecido na Constitución. Fixo algo que outros gobernos -de dereitas- fixeron cando indultaron a golpistas perigosos e pertinaces de todos coñecidos.

Xa concedidos os indultos, o Goberno contará cuns interlocutores, de facto, que sempre foron imprescindibles, interlocutores -sábese ben- que só teñen un obxectivo, o da independencia de Cataluña. Tal obxectivo, como é ben sabido, o Goberno, legalmente, non pode concedelo. Por conseguinte, os indultos de hoxe (22 de xuño) hai que interpretalos como o inicio formal dunha estratexia, por parte do Goberno, encamiñada a abrir unha mesa de diálogo cos independentistas para chegar, desde o punto de vista do Goberno, a unha solución que, non quebrantando a Constitución, sexa aceptada, con máis ou menos reservas, polo independentismo. Estou convencido de que esta é unha vía moi problemática e dificilmente frutífera, pero non hai outra. Un goberno moderno ten que propoñer e asumir esta arriscada alternativa mentres non se invente outra mellor.

E agora, propoño aos lectores un elemental exercicio de imaxinación: que proporía -ou imporía- a Dereita de estar hoxe no poder? Coa súa resesa concepción metafísica da Patria, o único que faría é alporizar aos vellos independentistas e sementar independentismo entre outra xente. Esa Dereita de tres partidos -case irrelevante en Cataluña- debería saber que unha Cataluña co 60 ou 65 por cento de independentistas sería «un problema», sobre todo para a propia Dereita, moito menos abordable.

A outros aspectos, incluídos os económicos e os lingüísticos, achegarémonos en data próxima.