La Voz ofrece este domingo «El lápiz del carpintero», de Manuel Rivas

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Retrato do escritor Manuel Rivas. Á dereita, portada do libro que ofrece o domingo La Voz de Galicia.
Retrato do escritor Manuel Rivas. Á dereita, portada do libro que ofrece o domingo La Voz de Galicia. Marcos Míguez

A novela pode adquirirse co xornal polo prezo de 5,95 euros

12 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En abril, en vésperas da celebración do Día do Libro, Manuel Rivas depositou na Caja das Letras na sede do Instituto Cervantes de Madrid catro exemplares de O lapis do carpinteiro, con cadanseu lapis. É unha obra senlleira dentro dunha longa traxectoria na que abondan títulos xa clásicos como Un millón de vacas e Que me queres, amor? Pero, sen dúbida, O lapis do carpinteiro prendeu unha imaxinación de incontables lectores, en Galicia e fóra, como proba o feito de que estea traducida a 36 linguas.

La Voz de Galicia ofrece este domingo aos seus lectores a tradución ao castelán, El lápiz del carpintero, do título publicado orixinariamente por Xerais en galego en 1998. O libro, que se pode conseguir co xornal polo prezo de 5,95 euros, forma parte dunha colección de obras de carácter histórico que reúne a outros autores que suman éxito e calidade como son Arturo Pérez-Reverte, Umberto Eco, Julia Navarro, Isabel Allende e Robert Harris, entre outros. Os subscritores da edición impresa poderán beneficiarse dun desconto do 30 %. 

Na Guerra Civil

O triángulo formado polo doutor Daniel da Barca, Marisa Mallo e Herbal é o núcleo central dunha historia que sitúa ao lector nos primeiros e dramáticos días da Guerra Civil. É unha historia de amor, pero que tamén fala do seu reverso, o odio, e outros sentimentos como a lealdade ás persoas e a fidelidade a uns principios. É isto o que fai precisamente de O lapis do carpinteiro un relato fondamente humano, xa que son eles, os personaxes, os que encarnan estas ideas, coas súas ilusións, frustracións e contradicións. É tamén a evidencia de que o ben e o mal nunca son compartimentos estancos, senón que se mesturan nas personalidades dos xeitos máis singulares. A sutileza coa que Rivas retratou eses trazos explica tamén o éxito internacional do libro, porque O lapis do carpinteiro relata uns sucesos universais.

Iso si, a Guerra Civil e a fascinación literaria que esperta engade outra capa de atractivo á historia, xa que ofrece unha ollada especial sobre aqueles feitos decisivos para varias xeracións de españois. É tamén un exemplo do poder da ficción para abordar a realidade, que pode recrear as emocións e as facianas máis humanas e dese xeito achegar con habilidade e efectividade uns sucesos, sen por iso desbotar o papel da historia ou o xornalismo. A isto mesmo referíase o escritor alemán Günter Grass cando comentou que aprendera máis sobre a Guerra Civil lendo O lapis do carpinteiro que con  algúns manuais de historia. 

Premios e adaptacións

Ao éxito do público Rivas sumou tamén premios para o seu libro como o da crítica, o San Clemente e o da sección belga de Amnistía Internacional. O lapis do carpinteiro adaptouse tamén ao teatro, da man da compañía Sarabela, e mais ao cine, cunha película dirixida por Antón Reixa e cun reparto encabezado por Tristán Ulloa, María Adánez e Luís Tosar. Unha historia de éxito que mañá La Voz ofrece na súa versión castelá e ao alcance de todos.