Saramago e o seu amigo Torrente Ballester

CULTURA

29 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas varias veces que coincidín co escritor José Saramago -o único autor portugués que recibiu o Premio Nobel de Literatura (en 1998), e que finou hai once anos-, sempre acababamos falando do seu íntimo amigo Gonzalo Torrente Ballester, unha amizade que non fixera máis ca medrar desde o momento en que se coñeceran persoal e literariamente.

Saramago non dubidou en bautizar La saga / fuga de JB de Torrente Ballester coma «O Quixote do século XX», e sentenciou con rotundidade que o seu autor merecía «estar no ceo a carón de Cervantes». E isto dicíao un escritor que traducira obras de Guy de Maupassant, León Tolstói, Charles Baudelaire e Colette e que escribira novelas coma Levantado do chão (1980), Memorial do convento (1982) e O Evangelho segundo Jesus Cristo (1991), obra esta que o lanzou á fama tras unha polémica sen precedentes en Portugal ó vetar o Goberno a súa presentación ó Premio Literario Europeo dese ano porque o contido da súa novela «ofendía ós católicos».

Gonzalo Torrente Ballester debería ser, de certo, un autor reverenciado en Galicia e con casa-museo propia -como xa teñen outros egrexios-, pero é certo que algo falla entre nós cando se fala do autor do Don Juan e Los gozos y las sombras. E eu creo que o que falla é a vontade de homenaxear a un autor simplemente incomparable, por superior! É unha mágoa que a falta de xenerosidade sociocultural se manifeste desta maneira.

Se cadra ocorre este desleixo porque se ignora que o gran Torrente intentou escribir La saga / fuga de JB en galego, ata que descubriu que o noso idioma aínda carecía daquela das estruturas básicas para soster unha obra tan ambiciosa. Tivo que ser o gran Saramago o que expresara con contundencia algo que tiña por evidente e indiscutible: que Torrente era o autor dunha «obra cume» que, malia non estar escrita en galego, «quizais é a novela máis galega de todas».