Unha das festas de exaltación da natureza mais importantes que temos en Galicia son os Maios, que, como o seu nome indica, celébranse arredor do primeiro deste mes. Supoñen a chegada do bo tempo, da luz e a conseguinte morte do inverno, do reverdecer e das boas colleitas. En definitiva, son un ritual animista de agradecemento que se celebra por diferentes lugares de Europa. En Galicia están documentados por toda a xeografía sendo aínda hoxe unha tradición ben viva en moitos lugares, destacando especialmente Ourense, Pontevedra e curiosamente os de Vilafranca do Bierzo, que, aínda que pertence á provincia de León, os seus Maios son iguais aos nosos e coa maior parte das coplas cantadas en galego.

A forma dos Maios pode ser moi variable dependendo de cada lugar e da creatividade dos seus construtores. A estrutura máis coñecida poida que sexa a cónica ou piramidal, evolución do que sería unha árbore traída do monte, recuberta de herbas, follas, fentos, fiúnchos, musgos, xestas, e adornada con bugallos, ovos, laranxas ou limóns, creando ás veces un fermoso colorido. Tamén hai Maios viventes en diferentes lugares de Galicia constituídos por un rapaz vestido con flores, follas, ramallos e adornos variados que na compaña doutros nenos ou mozos saen polas rúas do pobo, vila ou cidade; cada certo tempo paraban para dar voltas arredor dese maio vivente cantando as coplas propias e pedindo o correspondente aguinaldo que eran castañas secas (maias), noces e na actualidade diñeiro. Non debemos esquecer que tamén existiron as Maias femininas, aínda que menos coñecidas, tiñan características propias e delas hai bo número de referencias por diferentes lugares de Galicia.

O folclore arredor dos Maios é abundante tanto en coplas como en melodías, algunhas delas xa arquivadas en prestixiosos cancioneiros como o de Casto Sampedro y Folgar ou no de Eduardo Torner e Jesús Bal y Gay. Tamén grupos e solistas galegos como Na Lúa ou Pablo Quintana musicaron e cantaron diferentes melodías relacionadas cos Maios. Na nosa literatura temos un bo número de referencias a este luminoso tempo do ano ao que lle escribiron poetas como Curros Enriquez, Rosalía de Castro ou Manuel María entre moitos outros. Unha tradición ancestral a non esquecer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Os Maios