Non estabamos afeitos a usar a máscara, este complemento /prenda, nas nosas vidas, xa que nunca nos fixo falta salvo excepcións, e de súpeto atopámonos con que o 100 % da poboación ten que empregalas en público e incluso en privado por mor da pandemia. Hainas cirúrxicas, con válvulas, de tela, FFP1, FFP2, FFP3, hixiénicas, transparentes,... algunhas de usar e tirar e outras reutilizábeis. Hainas a xogo coa roupa que vestimos, outras como prenda de moda que desfila nas pasarelas e outras sinxelamente funcionais e de uso cotiá. Estabamos acostumados a ver en determinados lugares de Asia como as xentes empregaban este complemento con total normalidade e agora penso que aquí veu para quedarse unha moi longa tempada ou incluso nalgúns casos para sempre.

Levamos algo máis dun ano usándoas e foron beneficiosas para cortar en certa medida a galopante transmisión do virus, entendo que influíron decisivamente tamén para que outras enfermidades contaxiosas como a gripe minguaran de xeito significativo e, como dicía, por isto é probable que moitas persoas, alén da pandemia, continúen empregándoas decotío. A min, particularmente, que probei case que todos os tipos, resúltanme molestas e non me agrada ter que respirar con iso posto na miña faciana. Pese a todo, recoñezo o seu beneficio e todo o que representan nestes momentos tan delicados. Xa que logo, estou a favor do seu emprego sen ningún tipo de obxección, aínda que postos a escoller, quédome coas miñas admiradísimas máscaras dos múltiples entroidos do noso país e o seu simbolismo. Agora ben, xa empezo a botar en falta os xestos, as expresións e as linguaxes que se desenvolven nesa parte tan importante da cara que queda bloqueada e que nos concertos ao vivo é tan importante.

Sorpréndeme tamén, un estudo segundo o cal a máscara fai máis guapas ás persoas, xa que o noso cerebro engánanos e debuxa o que non vemos.

Con todo, prego a diario que as vacinas nos liberen deste inconveniente sobrevido, que nos deixen respirar opcionalmente, con ou sen elas, e sobre todo que volvan os xestos tan humanos e necesarios desa parte censurada da nosa cara sexa máis ou menos bonita. Xa vai sendo hora!