«Néboa» gaña o premio Mestre Mateo á mellor serie de televisión do ano

alberto lorenzo REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Mar Díaz, coproductora executiva por parte de TVE, recibe o Mestre Mateo á mellor serie por «Néboa»
Mar Díaz, coproductora executiva por parte de TVE, recibe o Mestre Mateo á mellor serie por «Néboa» Marcos Míguez

A película «Ons» foi a gran triunfadora da gala, con nove galardóns

11 abr 2021 . Actualizado a las 12:19 h.

Néboa, de Voz Audiovisual e RTVE, foi recoñecida este sábado polos premios Mestre Mateo como a mellor serie de televisión do 2020. A ficción, que na súa primeira temporada contou con oito capítulos emitidos en La 1 de TVE, venceu a El desorden que dejas, Auga Seca e O sabor das margaridas, as outras aspirantes a ese recoñecemento.

Deste xeito, a Academia Galega do Audiovisual ratifica o éxito deste thriller, protagonizado por Emma Suárez e Isabel Naveira e gravado na costa de Ortegal. A ficción conxuga os enigmas dunha serie de asasinatos na remota illa ficticia de Néboa e a investigación policial que estes desencadean cun elemento máxico e sobrenatural que envolve ao personaxe inquietante do Urco. Moitos cúlpano dos crimes.

O premio entregouse nunha gala no Teatro Colón da Coruña que tivo unha peza protagonista por enriba de todas: a película Ons. Cumpriu coa súa condición de favorita. O filme de Alfonso Zarazua partía con 13 candidaturas. Fíxose con nove dos premios, entre eles o máis importante: o galardón á mellor longametraxe. Tamén destacou de maneira especial nas categorías de interpretación, con premios para Melania Cruz (mellor interpretación feminina protagonista), Antonio Durán Morris (mellor interpretación masculina protagonista) e Marta Lado (mellor actriz feminina de reparto).

«Ons», premio ao mellor longometraxe
«Ons», premio ao mellor longometraxe Marcos Míguez

Ademais diso, os membros da Academia recoñeceron en Ons a dirección de fotografía de Alberte Branco (AEC), a dirección de produción de Tamara Soto, o guión de Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, a montaxe de Fernando Alfonsín e o son de Sérgio Silva e David Machado.

A outra película que acadou o recoñecemento xeral dos académicos foi A illa das mentiras de Paula Cons. A directora coruñesa obtivo o Mestre Mateo á mellor dirección. Igualmente, obtivo o premio a mellor interpretación masculina de reparto para Milo Taboada, a dirección de arte de Antonio Pereira, o de maquillaxe e perruquería de Raquel Fidalgo e Patricia Vilela e o vestiario de Eva Camino. Partían con 12 nominacións.

 

Gala de excepción

Os Mestre Mateo desenvolvéronse nunha gala totalmente excepcional, por mor das restricións da pandemia. Tal e como vén sendo habitual nos premios internacionais, a celebración foi diúrna e sen mais público que os nominados e os representantes das institucións e entidades patrocinadoras e colaboradoras. Tampouco houbo acceso para xornalistas e só se habilitou unha pequena cota de reporteiros gráficos. A habitual festa posterior á gala cancelouse este ano. Pese a todo, a presentadora da cerimonia, Lucía Veiga, conduciu os premios con humor. «O reto agora é facer historias normais de xente normal, a utopía é encontrar un descoñecido pola rúa e darlle a man», dicía na presentación. «Antes viamos cine para ver ficción, agora o facemos para ver como era a realidade», continuaba entre risos.

Veiga estivo acompañada no escenario por De Vacas, que puxeron a música en directo. Diversos rostros coñecidos da pequena e gran pantalla encargáronse de anunciar as candidaturas gañadoras: Bárbara Grandío, Diego Viaño, Esther Estévez, Iria Sobrado, Isabel Blanco, Luis Iglesia, Marta Larralde, Miguel de Lira, Pilar García Rego, Susana López, Susana Sampedro e Xosé Barato. Por vía telemática conectáronse artistas como James Rhodes -reivindicándose como galego na gala- ou Luis Zahera.

Homenaxe a Manuel Lorenzo
Homenaxe a Manuel Lorenzo Marcos Míguez

Homenaxe a Manuel Lourenzo

O tradicional premio de honra Fernando Rey dos Mestre Mateo correspondeu nesta edición ao actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo. Recoñecíase desde xeito a súa traxectoria e contribución á cultura galega.

O resto de premiados da noite foron Rodrigo Vázquez, mellor comunicador co programa Quen anda aí?; Marcos Estebo, Diego Guerrero e Mónica Ares, mellor realización por Cos pés na terra; e a Orquestra Fugaz de Improvisación mellor música orixinal pola banda sonora de 9 Fugas.

PALMARÉS COMPLETO 

-Mellor documental: Nación (Nós, Productora Cinematográfica Galega, s.l. coa participación da Televisión de Galicia)

-Mellor longametraxe: Ons (Maruxiña Film Company e Bando á Parte coa participación da Televisión de Galicia)

-Mellor programa tv: Cinephilia (capítulos 20-52) (Noveolas producciones e Telemiño)

-Mellor serie de televisión: Néboa (cap. 1-8) (RTVE e Voz Audiovisual)

-Mellor serie web: Xan (cap. 1-3) (Lucía Estévez e Miguel Canalejo)

-Mellor videoclip: Muinheira de interior, Boyanka Kostova (Xaime Miranda)

-Mellor comunicador/a de televisión: Rodrigo Vázquez (Quen anda aí?, caps. 1-149)

-Mellor dirección: Paula Cons (A illa das mentiras)

-Mellor dirección de arte: Antonio Pereira (A illa das mentiras)

-Mellor dirección de fotografía: Alberte Branco (AEC) (Ons)

-Mellor dirección de produción: Tamara Soto (Ons)

-Mellor guión: Alfonso Zarauza e Jaione Camborda (Ons)

-Mellor interpretación feminina de reparto: Marta Lado (Ons)

 

-Mellor interpretación feminina protagonista: Melania Cruz (Ons)

 

-Mellor interpretación masculina de reparto: Milo Taboada (A illa das mentiras)

 

-Mellor interpretación masculina protagonista: Antonio Durán, «Morris» (Ons)

 

-Mellor maquillaxe e perruquería: Raquel Fidalgo e Patricia Vilela (A illa das mentiras)

 

-Mellor montaxe: Fernando Alfonsín (Ons)

 

-Mellor música orixinal: Orquestra Fugaz de Improvisación (9 fugas)

 

-Mellor realización: Marcos Estebo, Diego Guerrero e Mónica Ares (Cos pés na terra, caps, 109-121)

 

-Mellor son: Sergio Silva e David Machado (Ons)

 

-Mellor vestiario: Eva Camino (A illa das mentiras)