Feiras

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

06 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha feira, ademais de ter outras moitas acepcións, é unha reunión periódica de xentes e comerciantes nun espazo público coa finalidade de mercar, vender ou intercambiar produtos. Desta volta, voume centrar no encontro social e periódico, pola enorme importancia que tiveron e teñen en Galicia este tipo de eventos, aínda que hoxe en día o concepto xa se estenda a un moi amplo espectro de variedades: feira do libro, da informática, de maquinaria, as medievais e por suposto as gastronómicas, que xa se converteron en todo un fenómeno turístico.

As feiras tradicionais de produtos de proximidade, con orixe no medievo, son lugares de encontro e mercado moi interesantes, nelas pódese mercar calquera produto da terra, gando, roupa, utensilios ou calquera chilindrada, tamén se pode facer un estudo antropolóxico das xentes do lugar e por suposto xantar, e aquí o polbo e as carnes mandan con claridade. En Galicia hai feiras e mercados todos os días da semana, aínda que se concentren maiormente de xoves a domingo. Quizais as máis importantes por antigüidade e afluencia sexan a impresionante Feira de Santos en Monterroso cada 1 de novembro e á que se podo non fallo; e a de As San Lucas en Mondoñedo que se celebra a mediados de outubro co gando montaraz como protagonista principal. Un evento que noutros tempos chegou a durar ata 15 días. Na miña contorna hai varias pero quizais a que máis me guste sexa a que se celebra cada primeiro e terceiro domingo de mes na localidade larachesa de Paiosaco. Nela habilítanse distintos postos con produtos do campo de boa calidade e a moi bo prezo e tamén conserva a base da esencia destes encontros tradicionais.

Todos sabemos de que trata unha feira tradicional en Galicia e a maioría participamos nalgunhas con máis ou menos frecuencia. Penso que moitas delas deberían protexerse para que non perderan a autenticidade xa que dalgún xeito son unha boa medida de como está a situación do noso máis próximo entorno. Quizais nos últimos anos fosen desvirtuándose bastante pero aínda seguen sendo marabillosos encontros de humanidade dos que gozar. Vivan as feiras do país e as xentes que as manteñen vivas!