As riquezas que atesoura un idioma

O galego revindica, no Día Internacional da Lingua Materna, a súa utilidade nun contexto global multilingüe e de crecente presenza das redes sociais entre os mozos


redacción / la voz

Dende o ano 2000 celébrase en todo o mundo o Día da Lingua Materna, unha conmemoración impulsada pola Unesco, que neste 2021 quere aproveitar a efeméride para lembrar que os idiomas son unha riqueza que en moitos casos está ameazada. O organismo internacional avoga polo multilingüismo como unha ferramenta de educación e inclusión social, á vez que actúa como garante para evitar a desaparición de linguas, co patrimonio identitario e de coñecemento que esa ausencia pode supoñer.

A Unesco considera que unha lingua corre risco cando baixa dos 100.000 falantes. Non é o caso do galego, que cos seus case tres millóns de falantes é o que se pode denominar unha lingua media. Porén, a data é un bo argumento para reflexionar sobre a saúde e o futuro do idioma, sometido a circunstancias complexas: un pasado aínda moi recente de diglosia, a influencia que a silenciosa crise demográfica pode ter na súa masa social, a quebra da transmisión xeracional, a fortaleza creadora dun sector cultural que non se aparella á súa situación económica e a convivencia cun idioma de extraordinaria potencia global como é o castelán, nun contexto estatal que en teoría valora o multilingüismo.

Hai apenas uns días a Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans asinaban a súa primeira declaración conxunta. Tiña como obxectivo lembrarlle ao Estado que a pluralidade de linguas debe ser tomada como unha riqueza e non un problema e que cumpría reforzar as cooficiais no ensino. Unha reflexión que, non obstante, obtivo un eco practicamente nulo fóra das tres comunidades promotoras da carta, algo que apunta o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, para ilustrar que a concepción do Estado actual dista moito de operar nas coordenadas dun multilingüismo real.

«Trátase dun Estado centralista, cunha tradición de impoñer o español como única lingua, que perpetúa esa mentalidade de tipo monolingüe pechado á diversidade», explica. «Xa non se trata de que estea pechado ás linguas cooficiais, senón que ata hai pouco estaba pechado tamén á aprendizaxe das linguas estranxeiras», engade. O académico, como sociolingüista, pode enumerar incontables exemplos dese desleixo estatal polo que debera ser un patrimonio común e, como tal, coñecido e aproveitado: dende a imposibilidade para estudar as linguas doutras comunidades no ensino regrado ou nas escolas de idiomas, ata a evidencia de que o reclamen con maior asiduidade de universidades estranxeiras que de españolas para falar sobre o galego. «E o recoñecemento precisa do coñecemento, non pode existir o un sen o outro», advirte Monteagudo.

Unhas circunstancias que tamén repercuten na propia Galicia, que aínda arrastra en diversos sectores os prexuízos dunha «diglosia brutal contra o galego». Contra iso, cómpre traballar en relacionar o idioma coa súa utilidade e seu prestixio, e que a conexión íntima que se dá entre lingua e esfera familiar se proxecte aos demais eidos da vida. E tamén nas redes sociais. Monteagudo cre que o exemplo dos poderes públicos é clave e que actualmente «non existe unha aposta como debera». «E o idioma é o que lle dá sentido á autonomía», lembra.

O prestixio da lingua

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, recoñece a importancia dese traballo a prol do prestixio da lingua e a súa utilidade de proxección social e laboral, consciente de que hai sectores como o da empresa ou o da xustiza nos que aínda queda moito por facer. Pero argumenta que o galego conta cunha serie de fortalezas na que os seus case tres millóns de falantes non é a única baza. O turismo cultural que relaciona Galicia coa súa lingua e a súa cultura de séculos, ou a etiquetaxe en galego de produtos como un sinal claro de procedencia e, por tanto, de calidade, son dúas armas eficaces. E hai máis: as webs en galego de Celta e Deportivo -e o seu uso de termos como «afouteza» ou «a nosa canteira»-, que non só contribúen a difundir un «poder brando» galego, senón que serven de exemplo para outros clubs.

García coincide en que o plurilingüismo debe ser percibido como unha riqueza e non como un problema, pero para desenvolver o seu atractivo «cómpre sacar a lingua do debate político. Ninguén se mete onde ve que hai unha lea». Unha lingua propia, argumenta, é unha riqueza para atesourar e preservar: «Para unha cultura, desenvolver unha lingua de seu está no máis alto da pirámide do que pode acadar».

Do ensino a unha canle televisiva para a infancia

O ensino é un campo clave na transmisión e status de toda lingua, e un ámbito que non está exento de polémica en Galicia. A declaración das entidades galega, vasca e catalá incidía no reforzo das linguas cooficiais e, no caso do galego, a Mesa pola Normalización Lingüística avoga por «eliminar as restricións», en palabras do seu presidente, Marcos Maceira. «Na etapa de infantil o galego está practicamente excluído -denuncia- e hai cidades nas que se dá máis presenza das linguas estranxeiras». A Mesa expón que hai necesidade de máis materiais didácticos, así como advirte a ausencia da lingua nas materias consideradas científico-técnicas.

Anxos Sobriño, presidenta da Coordinadora de Traballadores de Normalización, coincide en que a lei educativa non está a lograr a igualdade real entre galego e castelán. «O obxectivo do sistema educativo pasa por reforzar a lingua que máis o necesita», argumenta, para concretar que o beneficioso non é un equilibrio teórico sobre o papel, senón buscar o «equilibrio de resultados». En consonancia coa premisa da Unesco de respecto á diversidade lingüística, Sobriño explica que as linguas non son excluíntes: «Por falar galego non vas deixar de facelo en castelán», senón que o coñecemento dos idiomas trae consigo beneficios engadidos.

Sobriño lembra que na súa nenez o galego tiña unha presenza residual nas aulas, pero que no patio era a lingua que máis se escoitaba. Agora gañou protagonismo nos plans de estudo -aínda que Maceiras é crítico co que considera unha ausencia rechamante-, pero o perigo atópase en que non se lle dea uso na vida cotiá, que non sexa un vehículo de socialización. De aí que Sobriño lembre a importancia de que haxa videoxogos para gozalos en galego e que Maceiras incida na transcendencia da campaña da Mesa para que Galicia conte cunha canle específica de contidos en galego dirixidos á infancia e a mocidade.

Outra demanda crecente entre os expertos é acadar maior presenza nas redes sociais, para poder callar na mocidade. E isto pasa, por exemplo, por superar atrancos como os detectados esta semana en TikTok, que rexeitou publicar a campaña da Xunta #aculturasegue por estar feita en galego.

Subtítulos, dobraxes e asistentes de voz no eido dixital

O mundo da tecnoloxía e a comunicación é outro dos escenarios onde as institucións que traballan a prol do galego están a desenvolver os seus esforzos. A Mesa ten en marcha a campaña para demandar unha canle específica de contidos infantís en galego, pero non é a única. Marcos Maceiras apunta, por exemplo, que Televisión Española, na súa condición de ente público, debería incluír unha maior presenza do galego na súa programación, como poden ser os subtítulos. Cita tamén a nula presenza do idioma nos servizos de televisión á carta. Igualmente, hai plataformas que si ofrecen a posibilidade de ver películas e series con subtítulos en catalán e éuscaro, pero non é o caso do galego. E hai traballo feito que se podería aproveitar: nos portais especializados en cinema clásico poderían incluír as versións que xa foron dobradas para a súa emisión na TVG. As posibilidades son infinitas. «Sabemos que Siri, o asistente de voz de Apple, falará catalán. E por que galego non? Semella que quedamos estancados ou cada vez máis atrás», di Maceiras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

As riquezas que atesoura un idioma