19 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo luns fará 82 anos que morreu nunha vila francesa, Collioure, don Antonio Machado, para moitos, compendio de virtudes literarias e cívicas. Non hai, na intelectualidade española do XX, un nome que concite tanta adhesión moral. Pero eu, hoxe, non quero referirme a ese 22 de febreiro de 1939, día no que un home cabal e escritor grande morre no exilio, tratando de termar da nai, que falecería tres días despois; eu, hoxe, non me podo substraer aos días previos á chegada a Francia, nos últimos días de xaneiro.

Sabido é que Barcelona é tomada polas tropas de Franco o 26 dese mes, data na que don Antonio, con outros intelectuais, xa iniciaran, había días, o éxodo cara a Francia entre multitudes que fuxían do imparable avance dos triunfadores. Xa próximos á fronteira, o drama para aquel cidadán «viejo y enfermo», foi dantesco, pese a que as autoridades da zona e os acompañantes esforzáronse en atencións. Entre os acompañantes ían o filólogo Tomás Navarro Tomás, o escritor Corpus Barga e o poeta catalán Carles Riba, e todos se desvivían por don Antonio e dona Ana, súa nai.

Era o 28 de xaneiro de 1939. Pasan catro días na masía de Raset, onde don Antonio decide entregarlle, para a súa custodia, á administradora, Llúcia Teixidó, un maletín con escritos, responsabilidade tan grande que ela non se atreveu a asumir. Cando, moi preto da fronteira, as tres ambulancias nas que ían non poden transitar -e os choferes abandonáranas-, Machado e os seus farán un traxecto a pé tras deixaren as pertenzas nos vehículos, entre elas o maletín.

Que contiña aquel maletín? Sen dúbida ningunha, as decenas de cartas de Guiomar (Pilar de Valderrama) escritas entre 1928, o ano en que se coñeceron, e 1936, cando os separou a guerra. É lícito pensar que había outras cartas, de amigos e admiradores, entre elas as de Manuel Azaña e Enrique Líster. Perdeuse para sempre aquel maletín que don Antonio tanto temía perder? Doe pensar nesta gran perda.

Unha vez, soñando, vin o maletín no arquivo dunha prestixiosa universidade dos Estados Unidos. Como chegara alí é algo que o relato do soño non contén.