Entroido 2021

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

16 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Góstame o tempo de Entroido, tanto dende a súa perspectiva máis superficial, lúdica e transgresora ata a máis profunda de estudo e interpretación dos seus diferentes rituais e das súas antergas orixes. Neste tristeiro e lamentable ano pandémico e por razoábeis e lóxicos motivos de saúde pública, os múltiples e variados entroidos galegos están confinados na tristura e no desazo. Tempo teremos para gozalos en vindeiros anos na súa total plenitude, resarcíndonos desta puñeteira peste. Unha situación que non nos permite o que para nós é elemental e saudable que é a libre mobilidade e a socialización, en definitiva vivir. Este é un tempo para gozar, transgredir e celebrar unha época do ano moi especial para nós. É por isto polo que sentimos saudade de non poder facelo como é habitual.

Viviremos logo un entroido de portas para adentro, sen perder o espírito e degustando as delicias gastronómicas deste tempo, porque iso non pode fallar, polo menos. Botelos, cachuchas, chourizos e chourizas, pedros, androllas e todos os manxares da matanza teñen o seu maior momento de protagonismo neste marabilloso tempo do ano, acompañados das deliciosas sobremesas entre as que destacan as filloas e as orellas en todas as súas variantes.

Hoxe sinto tristura por non poder gozar coma noutros anos, pero sobre todo encólleseme a alma sabendo do sofrimento que teñen en todos os lugares de Galicia onde o entroido forma parte da esencia vital das súas xentes. Coñezo ben de preto diferentes rituais ancestrais de distintos entroidos como o de Laza e Castro de Laza cos peliqueiros e a Morena, o de Verín cos seus cigarróns, o de Xinzo coas pantallas, o de Viana do Bolo cos boteiros, os de Maceda cos felos e a morena, o de Esgos cos felos e as madamas, o da rúa da Torre da Coruña cos seus choqueiros e moitos máis que aínda me quedan por coñecer nos vindeiros anos.