Ventos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

09 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son dos que penso que cada lugar do mundo ten a súa particular forma de percibir a choiva, de sentir as raiolas do sol, de abafarse ou de gozar coa calor, así como tamén de entender os diferentes ventos. Cada recuncho ten matices nas súas cores, nos seus cheiros, nos variados sons, nos múltiples sabores, e cada un de nós por ser posuidores de cinco sentidos, deberíamos de gozar destas marabillas que son sutís percepcións a través das que temos que ser capaces de converter en algo diferente, cada lugar ao que imos. Recoñecer o propio, identificalo e valoralo, serve como referencia para poder comparar, e dende unha visión positivista e nunca competitiva, paréceme unha forma fantástica de aprendizaxe vital. Así, por exemplo, os ventos fortes, que a min tan molestos me resultan por me dar a maioría das veces dor de cabeza, en cada lugar do mundo son denominados de formas ben distintas e tamén indicadores de moitos datos da meteoroloxía segundo sexa a súa forza ou dirección. Hai uns días espertoume na madrugada un inesperado nordestazo, que debe ser o vento máis habitual polas nosas latitudes, e fíxome pensar un bo anaco. Lembrando as diferentes viaxes que fixen, coñecín nomes de ventos ben distintos, así en Asturias, Cantabria ou Euskadi souben de el gallego como un vento que neses lugares zoa dende o seu oeste. Nas ribeiras do Ebro tiven a honra de coñecer o duro e escandaloso cierzo nunha noite de concerto ás aforas de Zaragoza, e vaia como sopraba! Souben tamén dunha impresionante galerna que nos fixo escapar dun cámping de Luarca, xa que a alternativa era saír voando. En Almería vivín momentos de vento siroco e entendín o outro significado que se lle atribúe á palabra referido a malestar, axitación, alteración. Tamén do impopular vento ávrego procedente do suroeste portador de humidade e choiva e tamén desas suradas de ventos quentes moitas veces portadoras de molestas partículas de po do deserto. Hai para todos os gustos. Quizais o vento non sexa un dos fenómenos meteorolóxicos mais populares e poéticos, mais na lírica tradicional temos estrofas ben bonitas referidas a el como a de «Vente ventiño do norte, vente ventiño norteiro, vente ventiño do norte, sera-lo meu compañeiro». Aí é onde se reflicte a súa importancia que os mariñeiros coñecen coma ninguén.