Do exilio

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

05 feb 2021 . Actualizado a las 10:34 h.

Beizón para o Consello da Cultura Galega polo agasallo que nos fai: a edición facsimilar, en Clásicos da Emigración, do primeiro libro de poemas de Luís Seoane, Fardel de eisilado. Editado en Bos Aires con debuxos do autor, en 1952, é un libro histórico. Sáibase que, con el, inaugúrase, en grande, o socialrealismo na poesía galega e que é anterior, en dez anos, a Longa noite de pedra (1962). Cunha nova visión do noso feito migratorio, é a primeira vez, no título dun libro galego, que se emprega o termo exiliado, daquela na forma eisilado.

Ofrécesenos este facsímile nun volume precedido dun extenso estudo de Gregorio Ferreiro Fente que esclarece, entre outros aspectos, o da xestación do libro, nun principio cun título distinto (Fardel de emigrantes) e con algúns poemas logo refeitos. Para esta cuestión, o documentadísimo prologuista bebeu no epistolario Seoane / Fernández del Riego (hoxe na Penzol), nunca explorado para un achegamento ao histórico poemario. Ferreiro Fente, para esclarecer a xénese do libro, traza, con moitas precisións, a prehistoria de Seoane como poeta, condición sempre eclipsada pola súa obra plástica, certamente caudalosa e importantísima. A recepción do libro de Seoane, naquel mísero tempo cultural (Galaxia nacera en 1951), foi, ao meu ver, pobre e moi escasa.

O poemario protagonízano os anónimos emigrantes galegos de varias épocas (por causa económica), pero os versos que un sempre lembrará son que os que este exiliado escribe cando viaxa en barco, no ano 1949, por diante de Finisterre, e, ao contemplar Galicia, xorden os mortos do 36, «Ises mortos que teceran no seu corazón, coma nós, / xenerosas espranzas pra tódolos homes, novos pensamentos / o mesmo que aqueles que, condanados no silenzo, / aínda viven nas túas témeras cárceres».