Abellas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

02 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai certos recordos da infancia que se fan inesquecibles malia o implacable paso do tempo. Lembro un que ten como protagonistas aos meus avós recollendo o mel nos cortizos que tíñamos na parte traseira da casa da aldea. Era un día calquera e verán. Os dous manipulaban o panal con total tranquilidade; estaban rodeados dunha nube de abellas, sen apenas protección e empregando tan só un tizón de madeira fumegante. Con aquela escena que tanto me impactou, como neno de cidade que era, dinme conta de que as abellas tiñan un status importante na nosa casa polo agarimo e a complicidade que eu notaba entre os meus avós mais elas.

Aquela situación, coa distancia preventiva, revivina moitas máis veces, pero xa con total normalidade, como cando se muxían as vacas. Foi un momento que espertou en min a curiosidade por aqueles animaliños invertebrados tan próximos, laboriosos, útiles e importantes para nós. Lembro aquel mel cunha textura case que sólida e cun sabor forte, intenso e absolutamente natural, sabía a como recendían os montes. Segundo se traía dos cortizos viñan os panais de cera co prezado alimento que despois había que separar e coar debidamente. A cera sobrante da extracción do mel servía para facer candeas, para reforzar cordas e apenas había desperdicio ningún. Anos máis tarde descubrín as alvarizas e as diferentes variantes que hai por distintas zonas de Galicia, unhas estruturas que protexían os cortizos das incursións dos osos, arquitecturas deseñadas en redondo e tradicionais fundamentalmente das zonas de montaña onde noutrora habitaba este fermoso animal ao que tanto lle gustaba o mel.

Co paso do tempo fun sabendo do dramático e perigoso descenso da poboación de abellas a nivel mundial e do que iso significa e repercute na nosa propia supervivencia. Un gran problema debido a múltiples factores entre os que están os pesticidas e o mal trato ambiental que lle damos ao planeta ao que se suma no noso caso, a chegada masiva de especies invasoras e letais para aos nosas abellas autóctonas como poden ser as avespas velutinas. De nós depende en parte reverter este problema e nisto precisamente é onde pode estar a nosa maior desgraza.