A figura de Lolita Díaz Baliño, pioneira por partida dobre

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Tres obras inspiradas en Lolita Díaz Baliño, por Iria Ribadomar, Nuria Figueiredo e Lidia Cao
Tres obras inspiradas en Lolita Díaz Baliño, por Iria Ribadomar, Nuria Figueiredo e Lidia Cao propia

O Día da Ilustración reivindicou a súa obra e traxectoria

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) foi pioneira por partida dobre, no eido da ilustración e como muller artista, algo que lle ocasionou non poucos problemas, como lembrou este venres a especialista Rosario Sarmiento. A súa charla foi un dos actos programados co gallo do Día da Ilustración, que se celebra cada 30 de xaneiro e que na figura de Díaz Baliño recaeu por vez primeira nunha muller. A iniciativa da Consellería de Cultura e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración destacou deste xeito o traballo dunha creadora cuxa obra aínda resulta unha descoñecida para moitos. Eiva que trata de remediar esta conmemoración e mais senllas exposicións que se lle dedicarán na Fundación Luís Seoane e no Gaiás; esta última estaba prevista que se presentase este sábado, pero queda adiada por mor das restricións sanitarias, igual que un obradoiro que ía conducir Manel Cráneo.

Á esquerda, unha obra de Laura Romero, inspirada en Lolita Díaz Baliño, e o cartel de Manel Cráneo para o Día da Ilustración
Á esquerda, unha obra de Laura Romero, inspirada en Lolita Díaz Baliño, e o cartel de Manel Cráneo para o Día da Ilustración

A sesión de Sarmiento foi telemática, igual que a da outra convidada pola efeméride, a ilustradora Carla Berrocal, quen falou da súa traxectoria e do que significa dedicarse profesionalmente á ilustración. Un conxunto de relatoras femininas, xa que, como explicou Miguel Cuba, presidente do colectivo galego arredor da ilustración, era un xeito de honrar esa dimensión simbólica que tivo Lolita Díaz Baliño en calidade de pioneira. «Foi unha autora que quedou completamente invisibilizada e que tivo moitos problemas só polo feito de ser muller, lembrou Cuba. Para contribuír a esa visibilidade necesaria e propiciar un diálogo coa disciplina contemporánea, a asociación convidou a catro ilustradoras galegas a que plasmasen a súa visión de Díaz Baliño e a súa estética. Os traballos son de Iria Ribadomar, Lidia Cao, Nuria Figueiredo e Laura Romero. Segundo explicou Cuba, buscouse ademais que traballasen en distintos eidos relacionados coa ilustración: muralismo, cerámica, ilustración editorial e de produto.