«Encrucillada», 220

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Ás veces hai que crer nos milagres. Sempre que penso nunha revista como Grial, que persiste desde 1963 (case medio século), non penso só nos directores e colaboradores, penso, fundamentalmente, no elenco de lectores, ese grupo de letraferidos que a sosteñen e que a fan necesaria. Sábese que non son moitos pero son os suficientes para manteren vivo un órgano de expresión libre e esixente nun mundo cada vez máis hostil ou indiferente. Aínda me sorprende -e conforta- máis ter noticia de que Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián segue a labrar o seu difícil eido desde que apareceu en xaneiro de 1977. Acaba de editarse o número 220, correspondente aos dous últimos meses de 2020, o que nos leva a pensar que existe un grupo non pequeno de lectores dos modernos postulados do cristianismo máis esixente. A continuidade e o feito de ofrecer, salvo algunha tempada, seis números cada ano, semella un milagre (e non por ser unha revista relixiosa).

Cantos católicos en Galicia, afeitos a invocaren a condición de tales, sobre todo se son de dereitas, consultan algún número de Encrucillada? A mesma xerarquía eclesiástica alenta ou promociona nas parroquias esta revista? Si sei de persoas, pouco crentes ou agnósticas, que consultan con interese determinados números onde son evidentes o rigor e a modernidade intelectuais.

Acaba de saír do prelo o 220 dedicado, en boa parte, a algo fundamental por previo: como ler o texto da Biblia, os «73 libros escritos ao longo de dez séculos, en distintos lugares e por autores de diferente procedencia sociocultural?». A esta cuestión responden os artigos de María García Fernández, Carmen Bernabé Ubieta e Andrés Torres Queiruga. O do noso gran teólogo finaliza deste xeito: «Aquel a quen Xesús nos revelou como Abbá: PaiNai de amor infinito...». A formulación «PaiNai» é conceptual, non concesión a unha moda político-gramatical moi presente.

Nestes ensaios hai algo máis, moi importante: os autores achéganse aos textos bíblicos cos criterios da crítica literaria especializada cando esta se pronuncia sobre textos non bíblicos de calquera época.