Sánchez e Valle-Inclán

CULTURA

23 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sorprendeume ler unhas declaracións nas que Pedro Sánchez afirma o moito que lle gustaría organizar unha cea con Valle-Inclán, porque «encántame a súa literatura, tanto a modernista como a esperpéntica, e gustaríame falar dela. Pero é que, ademais, era un personaxe excéntrico e cunha visión política moi complexa. Preguntaríalle a Valle-Inclán polo carlismo». Así o dixo o presidente, e con iso quedou acreditado o que sabe ou prefire do seu admirado escritor… Porque, ante descoñecidos, don Ramón non sempre facía de amable interlocutor, senón tamén de crítico agudo e implacable. Por isto, quizais Sánchez debería ir tan preparado para afrontar un touro coma un literato.

Por outra parte, a literatura modernista e a esperpéntica de Valle-Inclán non responden a idénticos canons literarios, pero si que son obras do mesmo autor. É máis, son obras que explican a súa evolución e, á par, a súa enorme capacidade creativa, como novelista clásico e como dramaturgo forxador do esperpento, esa vangarda que o emparentou cos máis grandes autores do teatro europeo do século XX (Brecht, Ibsen, Beckett, Ionesco...). Porque no que si acerta Sánchez é en desexar coñecer a Valle, ese xenio ó que todos nos gustaría escoitar nalgunha das súas xuntanzas.

É sabido que o gran escritor galego, nacido en Vilanova de Arousa en 1866, escolleu, á fin dos seus días, regresar a Galicia, para morrer en Compostela, o 5 de xaneiro de 1936, é dicir, seis meses antes de que estalase en España unha brutal guerra civil. Pechábase así a súa singular traxectoria vital e literaria, que non deixou de medrar na admiración de todos e, polo que se ve, tamén na do presidente do Goberno. Cousa que o honra, porque é ben certo que Valle merece ese recoñecemento, sexa cal sexa a profundidade da erudición dos que o eloxiemos.

Da obra do xenio arousán emana unha visión certa e profunda da nosa historia e, cada vez que unha peza dramática súa sube a un escenario, sube tamén unha ollada crítica e profunda da nosa historia máis conflitiva. Unha historia da que debemos aprender todo o que nunca debemos repetir, como nos ensinan con crueza os esperpentos. E como sen dúbida xa sabe o presidente Sánchez.