A árbore da vida
Toda a xente que me coñece minimamente sabe da miña paixón polas músicas de raíz, pola etnografía, pola simboloxía sagrada e tamén pola natureza. Na conxunción de todo isto podemos encadrar o simbolismo que ten a árbore da vida e os seus diferentes significados nas moi distintas culturas do mundo. Vivimos en Galicia, terra de árbores, algunhas milenarias e míticas que poderían contarnos a nosa historia con todo detalle. Terra de bosques impresionantes que día a día van sendo substituídos pola rendibilidade inmediata e curtopracista. Así e todo, o simbolismo da árbore da vida segue vivo e continúa aí a pesar de todo o maltrato que lle propiciamos á natureza. Galicia é un pobo con fondas raíces e penso que cada un de nós somos portadores do ancestral respecto á terra e o entender a natureza como parte esencial do que somos, igual que facían os nosos devanceiros. A árbore da vida é unha das representacións da esencia da nosa existencia e calquera árbore sagrada podería representalo. Unha das súas variadas interpretacións di que as profundas raíces asentadas na terra significan o nacemento despois de botar a semente, o tronco vertical que medra reflexa o transcurso da vida e as múltiples pólas que apuntan ao ceo coas súas bifurcacións serían as decisións e os camiños que imos tomando a medida que o tempo pasa. Na nosa cultura, ata non hai moito, as árbores tiñan un gran valor porque proporcionaban moitos elementos de sustento esenciais de supervivencia como protección, alimento, leña ou madeira, e esa interrelación entre as árbores e a vida sempre foi ben entendida e tratada con sostenibilidade e respecto. Na actualidade e dende este progreso mal entendido vemos todo doutro xeito, o valor que as árbores tiñan noutrora foi desaparecendo e o seu carácter sagrado vai polo mesmo camiño. É por iso que día a día podemos ser testemuñas de arboricidios terroríficos que en algún outro lugar de Europa serían fortemente penalizados. Aquí parece que molestan e a consecuencia son as talas, sen preocuparse moito en mirar alternativas. Nese sentido acabamos co simbolismo a forza e o positividade benfeitora das árbores da vida, polo tanto imos camiño de os matar a nós mesmos. E así campamos!
Comentarios