Ollando o ceo

CULTURA

17 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A incidencia da contaminación lumínica en Galicia non é tan agresiva como pode selo noutros lugares de Europa. O eixo atlántico galego dende Ferrol ata Vigo quizais sexa o mais iluminado, pero, con todo, este noso país aínda conserva a posibilidade, cando as nubes o permiten, de poder observar o ceo nocturno con certa limpeza.

Un dos agasallos que máis ilusión me fixo na miña infancia foi un telescopio electrónico que o meu irmán me trouxera de Suíza. Con el aprendín a mirar o ceo dende a miña terraza do barrio do Agra do Orzán na Coruña e saber distinguir planetas de estrelas, estrelas fugaces de satélites e algunha cousiña máis. Cando as xentes dos edificios lindeiros marchaban durmir e se apagaban as luces das casas saía eu co meu aparatiño e aí comezaba o momento máxico.

O ceo que eu vía era limitado polas estruturas das casas, mais por onde había un oco buscaba o xeito de facer a observación. Estaba pendente dos movementos dos planetas máis espectaculares como Saturno, Xúpiter, Venus, Marte ou a nosa lúa, que sempre me encantou poder vela un chisco máis de preto. Podía ver a Saturno cos seus aneis e algunha das súas lúas, igual que a Xúpiter coas súas características manchas e varios dos seus satélites, a Venus tan brillante e próximo, igual que ao enigmático e vermello Marte. Pero a lúa cos seus cráteres e os mares que marcan a súa superficie parecíame espectacular.

As estrelas en xeral prefería observalas a simple vista, tentar recoñecelas e situalas en cada época do ano. E cando ía á aldea ou a lugares con pouca luz pasaba horas vendo como todo iso se ía movendo diante dos nosos ollos. Impresionante!

Teño visto con claridade en varias ocasións o trazo da Vía Láctea, emocionante e sobrecolledor, e si, tamén moitos ovnis, obxectos voadores non identificados. Cousas ben estrañas das que non podo dicir que fosen naves tripuladas por seres doutros lugares do universo, pero si luces na noite e en movemento que non sabería identificar. Sigo mirando para o ceo con frecuencia e aínda me sigue fascinando. Creo que non sabemos o afortunados que somos.