O Welles xacobeo

CULTURA

13 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do enorme éxito que tivo coa película Cidadán Kane (1940), considerada durante moitos anos como a mellor de todos os tempos, Orson Welles non sabía que pau tocar para manterse no cumio. Deulle moitas voltas á escolla da seguinte obra, que debía consolidar o seu futuro de xenio precoz. E ó cabo pareceu decidirse por unha obra do británico Arthur Calder-Marshall (1908-1992) titulada O Camiño de Santiago. Un feito que celebraron os filoxacobeos que tiveron coñecemento disto. Mais, o soño tardou pouco en esfarelarse. Porque na cabeza ciclónica de Welles a idea evolucionou axiña: os escenarios foi buscalos a México e o argumento derivou nunha historia de espías nazis nese país. Así, ó cabo, o proxecto acabou ante a prohibición do goberno mexicano de que se rodase tal cousa no seu territorio. Fin da historia.

Moitos anos despois, xa co lombo canso de trunfar e fracasar, Welles seica percorreu algúns sendeiros xacobeos pirenaicos en 1961, cando rodaba o seu Don Quixote, unha película que apuntaba a xenial, pero que nunca puido rematala porque antes, unha vez máis, acabáranselle os cartos. A obra -mal terminada por Jesús Franco- serviu para inaugurar a Expo de Sevilla (1992). E moitos puidemos ver, nas imaxes de Welles, o xenio que as alimentaba. Entre outras cousas porque escollera uns actores axeitados: Francisco Regueira e Akim Tamiroff, que medraban nos papeis principais.

Na que podemos chamar «a etapa española» de Welles, xurdiron moitas novas ideas e propostas que, por desgraza, non callaron. O Camiño de Santiago volvía a xurdir coma un escenario vital, e Compostela comparecía nas imaxes que el gravou nunha visita a esta cidade, na busca de escenarios para un filme de terror titulado Ventá pechada, que nunca se rodou. Da viaxe quedou filmado el mesmo paseando cabo da Catedral e arredores, porque el gravaba cunha cámara pequena todo o que espertaba o seu interese. E Compostela comezara a seducilo coa súa historia e a súa maxia. Dixo entón que quería filmar alí a obra citada. Pero o gran cineasta xa non lograba culminar todos os seus propios soños.