Atila


En 1937, Castelao, instalado en Valencia desde decembro de 1936, publica dous álbums que son dúas páxinas excelsas da plástica cívica europea do século XX: Galicia mártir (Ministerio de Propaganda) e Atila en Galicia (Comité Nacional de la CNT). O que fixo o debuxante Castelao foi traducir a categorías artísticas algúns dos episodios protagonizados polo terror franquista, en Galicia, desde xullo de 1936. A fonte de información do artista (primeiro en Madrid, logo en Valencia) foron os relatos alporizados dos que fuxiron da queima no verán do 36 ou dalgúns soldados desertores do exército de Franco. Estes dous extraordinarios álbums de denuncia constitúen o Gernika galego, desde hai anos exposto no Museo de Pontevedra.

Cando un historiador de hoxe se debruza sobre a brutal represión daquel tráxico verán é moi difícil que se substraia a un título como o do segundo álbum para contar e denunciar esa represión. Isto é o que lle acontece a Antón Mascato no transo de levantar rigorosa acta do terror sufrido na súa comarca natal nun longo período de tempo, de 1923 (xa con Primo de Rivera) a 1948. Titúlase a súa documentadísima monografía Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948) e foi publicada por Positivas en novembro de 2019. Cómpre agradecer ao autor desta monografía de 400 páxinas tanta erudición e tanta procura de material tan valioso (as causas xudiciais sobre todo). Froito deste inxente esforzo e desta lealdade ás vítimas son as meticulosas biografías dunha parte significativa dos máis de 400 represaliados que houbo no Grove. As represalias van do asasinato ao abuso sexual e do fusilamento (despois dunha farsa xudicial) a varios tipos de castigos económicos.

Eu coñecín e tratei ao militante do PCE Ramón Garrido Vidal, quen, finalizada a Guerra Civil, foi «carrexado», desde a Francia da Resistencia, ao campo de concentración de Dachau. Foi el, en París, o que organizou, en 1967, o Día das Letras Galegas dedicado a Curros Enríquez, acto no que, despois da miña conferencia, leu un poema Manuel Lueiro Rey, outro dos represaliados na infortunada vila.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Atila