Un cento de homenaxes para Isaac

Creadores e entidades lembran a Díaz Pardo con pezas persoais nunha web

Tres das homenaxes a Isaac Díaz Pardo: de esquerda a dereita, obras de Noemí López, Xaquín Marín e mais Ekaterina Volkova
Tres das homenaxes a Isaac Díaz Pardo: de esquerda a dereita, obras de Noemí López, Xaquín Marín e mais Ekaterina Volkova

redacción / la voz

Neste ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento, Isaac Díaz Pardo está a recibir un cento de homenaxes chegadas dende todos os ámbitos e diversos países. Un cento de lembranzas e admiracións que recolle a web mandadepezasparaisaac.blogspot.com, impulsada polo colectivo Alento esbravexo. O seu chamamento era aberto á sociedade civil en xeral e a resposta foi acorde á figura de Díaz Pardo, xa que se recibiron colaboracións de máis de 250 participantes. Moitas delas veñen de Galicia, pero tamén hai moitas outras que traen o remite do Xapón, Nova Zelandia, Cuba, Polonia, Bélxica e Francia, entre outros países. Este sábado publícase a peza número cen, pero o éxito da convocatoria implica que esta conmemoración do centenario do intelectual e artista aínda se haberá de prolongar durante varios meses máis.

Acorde tamén coas distintas facetas de Díaz Pardo é a natureza das mandas. Hai poemas e contos, pero tamén pintura e escultura, cerámica, tamén arte mural, téxtil e ourivaría, ademais de semblanzas. A iniciativa reúne versos de Eva Veiga e Miro Villar, esculturas de Fran Ameixeiras e Soledad Penalta, ou un texto familiar escrito polo seu fillo Xosé. E non só asinan persoas físicas, senón que compañías como Títeres Cachirulo ou fundacións como a de Neira Vilas tamén contribuíron a esta homenaxe.

Ese carácter polifacético de Isaac Díaz Pardo é algo que subliñan dende o colectivo Alento esbravexo, que destacan a súa «excepcional xenialidade». «É o noso Leonardo Da Vinci», remarcan dende a organización da iniciativa. Pintor, ceramista, editor, deseñador de mobles ou posuidor de ideas anovadoras para a arquitectura ou o desenvolvemento dos fornos cerámicos, todos eles son trazos dun home que era moito máis que a suma dos eidos nos que se desenvolvía. A maiores, cómpre mencionar a súa «inmensa xenerosidade», o que facía del «o home máis querido de toda Galicia», en palabras de Manuel Rivas. Unha xenerosidade que se ve agora correspondida pola resposta entusiasta e ampla de quen participa enviando a súa manda ou colaboración ao proxecto. Para falar do exemplo que deixou, no colectivo botan man das palabras de Xosé Ramón Fandiño, quen ve en Díaz Pardo «unha torre de ética e estética». 

Correspondencia

Ademais, este ano a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada publicou senllos libros arredor da figura de Isaac Díaz Pardo. Un deles recolle a correspondencia que mantivo cos escritores, investigadores e profesores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, en boa medida arredor da revista que dirixen, Unión Libre. «A correspondencia aquí reunida ten o valor de mostrar a Isaac Díaz Pardo escribindo libremente en toda a súa autenticidade, pero tamén o de aportar debuxos, fotografías e maquetas poñendo en evidencia ao mesmo tempo o seu compromiso antifascista galego e o seu executivo modo de traballar». O volume reproduce tamén as cartas manuscritas de Díaz Pardo, coa súa característica caligrafía. O outro caderno recolle intervencións da homenaxe que se lle rendeu no cemiterio de Boisaca o 13 de xaneiro do 2019, no sétimo cabodano do pasamento do intelectual e artista.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un cento de homenaxes para Isaac