O agasallo do poema

Ismael Ramos

CULTURA

09 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En 2014, a Louise Glück preguntábanlle nunha entrevista que consello se tería dado a si mesma sendo máis nova. Respondía: «Todo irá mellor do que esperas»; e explicaba: «Nin sequera sabía que estaría viva aos 71 anos, de feito non agardaba vivir ata os 71! Nin ata os 10! A partir de certo punto, para min, todo foi como regalado». A luminosidade dese agasallo -a vida por diante- é a que impregna os seus poemas e a que a fixo merecedora, con 77 anos, do premio Nobel de Literatura.

A xente que coñezo que máis sabe sobre a obra de Glück son lectores anónimos de poesía. Quero dicir con isto que non son profesores, ou investigadores, nin sequera outros poetas. Son lectoras e lectores omnívoros que nalgún punto bateron cos seus versos e seguen o seu traballo título a título dende entón, nalgúns casos dende o 2006, cando Pre-Textos -a súa fidelísima editora española- publicou El iris salvaje (1992).

Eu lina por primeira vez nunha mañá de 2012, foi con Las siete edades (2001). Estaba rematando o bacharelato e lina rápido e mal, que é como se len a maioría das cousas hoxe en día, e especialmente os poemas. O caso é que non me gustou. Esa mesma tarde, o amigo que me emprestara o libro insistiu: «Imposible, tela que reler!». E, por sorte, relina. Lévoa relendo sen descanso dende entón. Fortuna de amizades a miña.

Os poemas de Glück, falen da delicadeza ou afouteza das flores, do mito de Perséfone ou da memoria dos seus pais, parecen captar sempre unha vibración invisible que arrodea as cousas cotiás, de aí a necesidade dunha lectura demorada. Esa aura estraña e fascinante pode ser tristura, pode ser paixón, a sombra dunha irmá á que non sabemos se quere ou detesta ou a figura dun amante, de costas, arranxando o xardín. Todo adquire novos significados baixo a súa mirada. Nos seus poemas anóvase o ton confesional, procúrase a transcendencia, pero non se renuncia nunca ao inmediato, ao camiño que conduce á revelación

Ademais de poemarios, Louise Glück ten publicados ata a data dous ensaios sobre o feito poético. No primeiro deles, Proofs and Theories (1994), escribe que os poemas non perduran no tempo como obxectos, senón coma presenzas. A súa é para min unha compañía constante, unha voz no oído, unha man no ombro. É unha sorte tela aí, poder lela, memorizala. Oxalá agora a coñeza aínda máis xente. Estes días, atopaba repasando páxinas nos seus libros: «E cando recuperei a esperanza, / era unha esperanza completamente distinta». Velaí, cada vez, o agasallo do poema.