Cabodano


O 23 fará dous anos que a profesora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda foi durmir fóra para sempre (a expresión, eufemismo por «morrer», usábase frecuentemente na Terra Chá e empregouna, nun magnífico poema, Noriega Varela). O 23 de setembro de 2018 foi un día de loito para a investigación literaria, nomeadamente no eido das Letras galegas. Deixábanos, aos 57 anos, unha investigadora culta e rigorosa que sempre foi leal, como filóloga, ao étimo da Filoloxía: amor á palabra, ás verdadeiras palabras dun texto, do texto tal como foi formulado polo seu autor. Fíxoo coa obra galega de Rosalía, escritora sobre a que publicou traballos que, nalgún aspecto esencial, mudaron a súa biografía.

Do seu rosalianismo acaba de publicarse, por Política Lingüística, a súa memoria de licenciatura, lida cum laude, que titulou, en 1986, Algúns aspectos da lingua galega de Rosalía de Castro. Trátase do facsímile do mecanoscrito da investigadora (160 folios), cun prólogo sabio do profesor Antón Santamarina, que, 34 anos despois de lido este traballo académico na Universidade de Compostela, afirma que «analiza exhaustivamente os aspectos relevantes da lingua de Rosalía... pero mantén toda a vixencia e non foi superado por ningún estudo posterior; o que se fai con rigor non caduca nunca».

Nestes dous últimos anos varias institucións teñen publicado outros traballos inéditos, boa parte deles sobre temas non rosalianos, o que proba que foi algo máis, moito máis, ca unha rosalióloga: a revista Madrygal, da Universidade Central (n.º 21), acolleu a súa conferencia, dita na Habana, sobre a historia da RAG, unha das súas especialidades; a Fundación Otero Pedrayo, o seu estudo sobre a repercusión da cantiga de amigo en dúas poetas galegas do XX; o Instituto de Estudos Carballineses, o seu traballo sobre a poesía galega de Carles Riba, e a revista Grial, de Galaxia (n.º 223), seis artigos, entre eles os titulados Gabriel Aresti e as letras galegas e Proposta de edición dos Seis poemas galegos [de Lorca] a partir dos manuscritos, que foi a conferencia que leu en 1998, no centenario do poeta mártir. Por certo, a Fundación Blanco Amor prevé reeditar este traballo, de minuciosa ecdótica, como prólogo da edición facsimilar dos manuscritos dos Seis poemas, alfaia bibliográfica que custodia, desde 1979, a Deputación de Ourense.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Cabodano