Centenario esquecido dun escritor

CULTURA

04 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1969 -hai 51 anos- enviei máis dun centenar de enquisas aos escritores galegos (en galego) da Terra e da Galicia Emigrante. Responderon 87 e o resultado foi un corpus bio-bibliográfico que se titulou Dicionario da nova literatura galega, que non tardará en saír do prelo cun excelente e moi orixinal estudo introdutorio de Ramón Nicolás. Xa non é sen tempo! Como teño que escribir un limiar para esta primeira edición, relín, coa debida atención, as 87 «fichas» e atópome con non poucos autores dos que na bibliografía usual existen moi poucos datos. O Dicionario, pois, vai ser un instrumento de consulta útil.

Hai un autor, falecido o 11 de marzo de 1989, co que a erudición literaria ten sido moi pouco xenerosa: Antonio de Lorenzo Sánchez, nado en Ribeira (A Coruña) o 7 de marzo de 1920. Ignoro se na súa vila natal, antes da pandemia, foi obxecto, co gallo do seu centenario, dalgún tipo de celebración; tampouco sei se o homenaxearon no Centro Galego de Barcelona, onde foi director da revista Alborada. Eu coñecino en Madrid, no famoso faladoiro do café Lyon d'Or, á beira de don Ramón Cabanillas, co que tivo unha relación moi intensa, tanto que colaborou con el no poema escénico Macías o Namorado (Galaxia, 1956).

Deixou abondosa obra inédita: poemas, traducións, ensaios, un Refraneiro galego...; eu lembro que, moi preocupado polo porvir do idioma galego, propúñase escribir unha especie de relato cervantino no que un don Quixote de hoxe fose predicando o noso evanxeo lingüístico, idea que entusiasmaba a Ben-Cho-Shey, que era, sen dúbida, pola súa coherencia idiomática, un auténtico Quixote da Fala. A cuestión abórdaa Lorenzo Sánchez, dalgún xeito, no seu ensaio Fala i esprito (Alborada, 1953). Que eu saiba, nunca logrou editar a súa tradución d'A cántiga das cántigas da que, co pseudónimo de Amaro Chaín, publicou dous fragmentos na revista citada (1952).

Era Licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras, ademais de piloto civil e militar; gañou por oposición cargos importantes na Administración e dirixiu, en Madrid, unha importante xestoría xurídica. Gran lector, home de poderosa capacidade de traballo, profesaba un galeguismo -no ámbito cultural- elaborado por el á marxe de grupos e tendencias. Falei con el por derradeira vez xantando na súa casa de Madrid, en 1957, xa eu destinado en Santiago como catedrático. En decembro de 1969 contestoume in extenso á enquisa que acabo de reler con emoción. Habería que reunir os seus poucos traballos éditos e unha escolma das súas moitas páxinas inéditas. Non merece menos.