Mapas para visualizar a narrativa galega

Xaquín Núñez Sabarís examina as letras dende perspectivas como o transmedia ou a «narcoficción»

Xaquín Núñez Sabarís é membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC
Xaquín Núñez Sabarís é membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC

redacción / la voz

Os mapas poden servir para orientarse nun territorio, pero tamén, como representación codificada deses mesmos espazos, ofrece un xeito novo de ollalos. Esta dobre función paira sobre Cartografías da narrativa galega contemporánea (Galaxia), coa que Xaquín Núñez Sabarís (Meis, 1973) acadou o premio Ramón Piñeiro de ensaio na súa última convocatoria. Profesor titular da Universidade do Minho e membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán da de Santiago, Núñez Sabarís aborda varios casos de estudo con perspectivas en varias escalas para ir do detalle ao panorámico e viceversa.

Deste xeito, fenómenos como a chamada narcoficción ou o protagonismo de cidades como Santiago e Vigo -especialmente esta última- en creacións recentes, e dende xéneros como o policial, non só son analizadas por si mesmos: tamén se insiren unha ollada holística das letras actuais que lle permiten ao ensaísta tocar temas como os debates arredor do identitario ou a literatura comercial, así como a permeabilidade de formatos que se bautizou como transmedia.

«O lector contemporáneo xa le cunha ollada transmedia», sostén Núñez Sabarís, quen cre que o libro «non saíu perdendo» nestes intercambios, senón que moitas veces reforza a súa preeminencia á hora de lexitimar produtos. Un exemplo é a serie Breaking Bad e as súas múltiples referencias literarias, do Quixote a Borges. Núñez Sabarís defíneo como unha malla «rica e fecunda» entrecruzada na que a literatura galega tamén tece os seus vimbios.

Casos disto que expón o autor son O puño e a letra, de Yolanda Castaño, no que dialogan cómic e poesía, ou a adaptación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, por Pablo Prado á banda deseñada. Tamén á viñeta trasladouse Fariña, de Nacho Carretero, un libro que inspirou unha serie, dun xeito semellante a como se levou A praia dos afogados, de Domingo Villar, ao cine, e o éxito de producións como O sabor das margaridas, Hierro e La unidad. 

Profesionalización

Cuestións en cuxa análise Núñez Sabarís pon en xogo diversos factores que van dende a presenza do galego nas primeiras etapas do ensino, o nacemento da CRTVG ou o papel da Mostra de Ribadavia na profesionalización da escena galega. Esa cuestión, a dos creadores que poidan vivir do seu traballo e non doutro salario, agroma cando se tocan temas como a presenza das obras máis comerciais e a responsabilidade que se lle pode atribuír á literatura na construción dunha identidade colectiva, puntos que ás veces hai quen considera incompatibles. O autor reflexiona sobre como vivir do que se escribe pode «reforzar a autonomía estética» e cuestiona se é posible manter unha concepción centrada exclusivamente no mercado interno. O que leva a outra cuestión, a da proxección internacional da cultura galega. Núñez Sabarís cre que «non se fixo un mal traballo» neste eido e cre que Galicia, se se compara con outras zonas de semellante densidade de poboación, goza dunha presenza moito maior que outras áreas.

O ensaísta avoga por coidar e manter esas conectividades, entre culturas e entre disciplinas artísticas, así como reforzar a idea de que a creación literaria e cultural é a base desa trama que tamén ten implicacións sociais e económicas. «Se non se coidan, esa base termina por desfacerse», conclúe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Mapas para visualizar a narrativa galega