Unha «Esmorga» de carne e choiva

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os tres protagonistas de «A esmorga»
Os tres protagonistas de «A esmorga» diego estebo

Diego Estebo ilustra a obra para a nova colección «Xohán Ledo» de Galaxia

28 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A esmorga, como clásico que é, xa coñeceu traducións, adaptacións ao cine e versións teatrais. Agora, a novela de Eduardo Blanco Amor vén de saír nunha nova edición coa recreación gráfica de Diego Estebo e que inaugura en Galaxia a colección Xohán Ledo, concibida para propoñer obras ilustradas para un público adulto.

Estebo (Barcelona, 1982) lembrou as lecturas de instituto da novela, que xa daquela o fascinara -«Para min foi un libro completamente distinto, porque non era habitual atoparse con esa clase de historias na escola», recorda-, e nunha nova achega á obra sumou novas perspectivas e capas que lle permitiron trasladar a imaxes a desventurada xeira do Cibrán, o Bocas e o Milhomes.

Porén, o artista fuxiu dunha translación literal desa Auria invernal na que transcorre a xornada dos protagonistas. «Se saen tres homes bebendo unha taberna, pois non vou debuxar a tres homes nunha taberna», explica Estebo. «O lector ten o seu propio maxín para iso e o que eu procuro é engadirlle unha capa nova á lectura da obra», engade.

A esmorga está dotada dunha calidade visceral moi atractiva para o ilustrador, que buscou conservar ese impacto «moi bruto» dun libro «cheo de carne humana e alimento, e de choiva, moita choiva» nas súas imaxes. Estebo aceptou o reto desta edición xa non só polo que representan a novela e a figura de Blanco Amor, senón porque percibía que o ton da historia podía axeitarse ao seu particular estilo gráfico. «Tratei de que as ilustracións tivesen moito peso, moita textura. Presento os materiais, déixoos moi á vista, eu que ademais emprego moito a colaxe, quería que se vise a cartolina rota, a pintura... Que cando colleses o libro que case che dese a impresión de que mancha», describe. 

Outra das ilustracións da obra
Outra das ilustracións da obra diego estebo

Referentes pictóricos

O resultado é un conxunto moi expresionista, que Estebo atribúe máis ás características do texto que a referentes pictóricos concretos, aínda que dalgún xeito a súa bagaxe se proxecte no seu traballo. «Consumo moito audiovisual, animación, cómics e libros ilustrados», enumera. «Tamén, fóra da ilustración, fago pintura abstracta, e eses artistas, como Rothko, son do meu interese. Pero é moi difícil falar de influencias concretas», admite. O que si recoñece o ilustrador como un trazo fundamental no seu traballo é a procura do esencial: «Se algo non conta, quítoo. Se podo, prefiro contar con tres elementos que con cinco». A capa do libro é unha boa síntese disto, ademais da historia: tes siluetas apenas recoñecibles, arrolando sobre unha botella que semella caer no medio dunha choiva negra e persistente.

Diego Estebo conserva todos os orixinais da súa Esmorga nunha carpeta. Ilustracións que, sumadas a bosquexos e outros materiais de traballo, poderían armar unha cumprida exposición. «Falouse algo diso, pero non hai nada concreto», avanza o ilustrador, quen podería repetir na colección Xohán Ledo, pero prefire non avanzar nada aínda.

Detalle dun dos retratos que Blanco Amor lle fixo a García Lorca en 1935
Detalle dun dos retratos que Blanco Amor lle fixo a García Lorca en 1935 Eduardo Blanco Amor

Homenaxe dende Ourense aos «Seis poemas galegos» de Lorca

As fundacións Eduardo Blanco Amor e Insua dos Poetas promoverán unha homenaxe no 2021 á figura de Federico García Lorca e, máis en concreto, os seus Seis poemas galegos, cuxos orixinais custodiou o escritor galego «ao longo da súa vida», segundo Luís González Tosar, patrón da primeira entidade e presidente da segunda. As actividades desenvolveranse, entre outros escenarios, na Insua dos Poetas, no predio da Esgueva, Madarnás, O Carballiño, onde está previsto instalar un conxunto escultórico alusivo aos versos galegos de Lorca. Con este obxectivo, ambas fundacións, co asesoramento da Academia de Belas Artes, convocará un concurso de ideas para que se presenten propostas artísticas arredor desta obra de Lorca, que tamén será a protagonista da Festa da Palabra que anualmente se celebra na Insua. Ambas fundación apoian así, segundo Tosar, a candidatura defendida «polo escritor Manuel Rivas para que a Real Academia Galega lle dedique o Día das Letras aos Seis poemas galegos de Lorca».

Outros actos terán como sede Ourense e o seu propósito será analizar a relación de Lorca cos creadores da cidade, tanto na súa dimensión galega como cos ourensáns que tratou en lugares como Bos Aires. O vínculo entre o escritor granadino e Blanco Amor tamén deixou como legado unha serie de retratos -o autor de A esmorga era un fotógrafo afeccionado con gran sensibilidade-, como os tomados en 1935 na casa do poeta.

O programa da homenaxe contará co apoio e a colaboración da Deputación de Ourense.