Así debera ser

CULTURA

A pandemia levou moitas vidas por diante nun moi curto período de tempo. O que parecía que nunca sería finalmente foi, e puxo en cuestión o funcionamento de moitas cousas que moita xente daba por boas.

Se serviu de lección todo o que pasou neste tempo de estado de alarma debería de axudarnos a reflexionar sobre uns cantos detalles do pasado, do presente e do futuro. Mais eu fíxome especialmente en dúas das cousas, porque son as que poderían cimentar dun xeito máis ou menos firme calquera sociedade que aspire a ter un futuro mellor. Estoume a referir directamente á educación e á saúde.

A educación é o proceso destinado a facilitar a formación, a aprendizaxe e a adquisición de coñecementos, e tamén de habilidades, valores, crenzas e hábitos, así como a axuda para adquirir capacidades intelectuais, morais e afectivas das persoas de acordo coas normas de convivencia e cultura da sociedade á que pertencen. E destaco a educación porque segundo en que grao de desenvolvemento estea situada inflúe decisivamente na convivencia social, que nos permite avanzar ou retroceder.

Son dos que penso que o sistema educativo deste país nunca estivo potenciado como é debido, e si permanentemente sometido a cambios e duros recortes, e neste punto, como se acostuma dicir, daquilo chegamos a isto. Non é moi difícil comprobar no cotián a gran carencia educativa deste lugar, a pesar de que vivimos nun tempo no que a educación non debería de ser un problema, senón todo o contrario, un valor a destacar. Por outra banda temos a saúde, fundamental para poder desenvolver a vida con normalidade e en todas as súas facetas.

Sen saúde non imos moi lonxe, e a saúde está directamente vencellada aos nosos hábitos e condutas, que están estreitamente ligados e condicionados pola nosa educación. Sen dúbida, a atención da nosa saúde vén de parte da sanidade, que canto mellor sexa mellores medios humanos e técnicos terá. Polo tanto, sendo un país con aspiracións a progresar non se debería escatimar na inversión dunha boa sanidade que poida chegar a todo o mundo sen excepcións, exactamente igual que a educación. Así debera ser.