Barrañán

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

23 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Barrañán foi unha das praias fundamentais da miña nenez, como a de moitos outros coruñeses. A uns 17 quilómetros da Coruña, xa no litoral arteixán, era un dos areais non urbanos máis frecuentados da contorna aínda que, certamente cun grande perigo engadido que era a bravura do seu mar. A pesar diso, a praia ateigábase todas as fines de semana con xentes que ían pasar o día completo levando todos os requisitos precisos para ter unha xornada agradable. Semellaba unha gran festa, sobre todo os domingos nos que nas súas beiras non collía nin unha agulla. Alí mesturábanse perfectamente o urbano co rural en singular harmonía.

Barrañán conta cun fermoso complexo de dunas que rodea o areal máis grande e que posúe un grande valor ecolóxico. Tamén unha pequena ría na que na miña infancia teño pescado cun pequeno trueiro unha boa cantidade e variedade de peixes coma muxes, robalizas, troitas, sollas, anguías… Naquel tempo no que a ría era un fervedoiro de vida e as súas augas baixaban ben limpiñas. Alí souben das galletas de chapapote provocadas polas desafortunadas sentinas dos petroleiros que ían cara o porto da Coruña e que baleiraban os refugallos nese mar. E alí fun testemuña de como o meu pai pescara uns dos máis grandes robalos que vin. Coñecín rapaces da contorna que sempre me pareceron moito máis pillabáns ca nós e aprendín con eles mañas estupendas como saber onde se agochaban os peixes, apañar cebos nas pedras, na area, ou saber como esquivar as perigosas correntes da praia. Rapaces que coñecían moito mellor ca nós a natureza desta zona e os seus pequenos segredos.

Barrañán aí segue, igual de linda, aínda que xa sexa ben diferente a como eu a lembro. O areal de Combouzas, ao seu carón, é unha das primeiras praias nudistas de Galicia. Un espazo ben recollidiño e agradable na base do antigo monte da Angra, lugar ao que vos recomendo subir e gozar das impresionantes vistas. Agora tocoume vivir no val de Armentón e dende a miña casa vexo no fondo a praia e moitas veces lembro os bos momentos vividos neste fantástico lugar que aínda segue a ser un paraíso inzado de historia e de historias.