As Crebas de Francesc Torres

francisco x. fernández naval

CULTURA

O artista Francesc Torres
O artista Francesc Torres maribel longueira

07 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Crebas é o título da exposición de Francesc Torres (Barcelona, 1948), inaugurada o 21 de febreiro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), da que é comisaria Rocío Figueroa. Aberto o museo tras a fase de confinamento causada polo covid-19, a exposición pódese visitar ata final de ano. Non é casual o título. A palabra crebas forma parte do léxico da Costa da Morte e refírese aos despoxos, procedentes de temporais ou naufraxios, que o mar deixa no litoral. Dende que Johán Vilanova incorporou a palabra á literatura, as crebas interprétanse como metáfora da existencia, ese ir deixando anacos de nós no océano da vida. Así o entende Francesc Torres, quen pasa parte do verán nese territorio, onde fixo súa a expresión.

Francesc pertence a o grupo de artistas que, nos Estados Unidos, a principios dos 70, deciden explorar novas vías de expresión, asociando e mesturando o que saben facer: pintura, escultura, vídeo, son, fotografía, performance ou literatura. Con eles nace a instalación multimedia, proposta artística e narrativa que permite empregar todas as linguaxes e contalo todo. Francesc refire ese momento como un intre no que, por razóns que lle seguen parecendo tan incomprensibles como portentosas, os museos importantes abren as portas aos novos creadores que revolucionan o panorama artístico. Daquela, o museo deixa de ser un receptor e expositor de arte xa existente e, sen renunciar a iso, pasa a producir exposicións baseadas en proxectos que se materializan no seu espazo e que teñen vocación efémera, pois desmóntanse ao final.

Na instalación multimedia Torres atopou o medio que lle permitiu reflexionar sobre canto é obxecto do seu interese: o corpo e a sexualidade; a memoria, en particular as guerras do século XX; a dialéctica entre cultura e poder; a relixión e os seus extremos; o automóbil e a velocidade como metáforas do noso tempo; o respirar agónico do lugar ou o obxecto abandonados. Hoxe, a súa obra, é referente da arte contemporánea internacional.

«Feminicidios», unha das obras de Torres
«Feminicidios», unha das obras de Torres afonso sestelo

Quizais o proxecto máis complexo, que lle permitiu transformarse en comisario dunha exposición que era en si unha grande instalación de instalacións, foi a proposta do Museo Nacional de Cataluña, que deu como resultado La caja entrópica. Unha das súas pezas, Feminicidios, amósase na exposición do CGAC.

O verán en Galicia é para Francesc un agasallo. Aquí recuperou parte da liberdade perdida e soubo facer arte coa chuvia e co vento, coa pegada dos bivalvos, cunha chancleta ou cun pau atopados na beirada. Crebas iníciase coas súas últimas creacións, que el denomina «pezas galegas» porque naceron aquí: Sofía y el abismo, ou o mar como lector de filosofía; TIPO 1 (en la escala de Kardashov), a explotación industrial da morte polo capitalismo extremo, tomando como referencias a Mina dos Alemáns en Casaio e a factoría baleeira de Caneliñas; Desde el Acantilado, mensaxe sobre a vida expresada en varios códigos; Art Degree Zero, a escrita dos bivalvos, e Cultura, ou as crebas como caos con significado.

Segue o percorrido por pezas esenciais na súa traxectoria: Emergency Drinking Water, Da Capo, Construction of the Matrix ou Blanco sobre blanco/Rojo sobre rojo, entre outras, ata chegar á Campana hermética. Espacio para una antropología intransferible, que completa a esfera, xa que, no tempo, esta é a peza anterior ás galegas. Nela, os elementos que a forman conxúganse para conseguir un efecto emotivo e sorprendente, tanto pola dimensión como polo que atesoura.

Se a instalación naceu con vocación narrativa, en Crebas son moitas as historias que Francesc nos conta. Nalgunha peza o visitante deixará de ser espectador para ser parte. Entrar en Crebas é unha experiencia emotiva e intelectual, transcendente e vital, tal e como é a arte de Francesc Torres.