Letras galegas na Rede: un fervedoiro virtual

ramón nicolás

CULTURA

Francisco Castro ofrece na súa web a lectura de balde do primeiro capítulo da súa última novela
Francisco Castro ofrece na súa web a lectura de balde do primeiro capítulo da súa última novela judith cendón

Autores e editoras poñen en marcha numerosas iniciativas para difundir a literatura a través de Internet

22 mar 2020 . Actualizado a las 16:11 h.

Ás poucas horas de ditarse as normas que nos confinan nas nosas casas agromaron numerosas iniciativas que ofrecen na Rede moitos contidos de balde. Campañas como a da AELG animaron a empregar diversos cancelos como #CorentenaLiteraria, #EuQuedonaCasa ou #CulturaNaRede por só citar algúns, que promoveron que diversas persoas con presenza na rede espallasen nelas contidos orientados a promocionar a lectura e outras actividades vinculadas coa literatura galega. Axiña se sumaron a estas campañas promocionais da lectura e do libro a Federación de Libreiros de Galicia co lema Os libros non contaxian pero enganchan ou a Asociación Galega de Editoras coa campaña Mergúllate. Le en galego.

É salientable, sobre todo, o esforzo das diversas editoriais, que actúan con convicción en tempos de verdadeira incerteza polo complicado futuro que se albisca, como motores que vivifican o acceso á literatura galega na rede. Eis o caso de KalandrakaTV, o canal de televisión dixital de Kalandraka Editora, que potenciou os seus contidos con numerosas propostas audiovisuais baixo a etiqueta Contos contados. Asemade, Xerais convidou a diversas voces do seu catálogo para ler a primeira páxina dun dos seus libros baixo os cancelos #envozpropia #librosxerais mentres que, pola súa parte, Galaxia, ofreceu en aberto a película A esmorga e publicitou o envío gratuíto das vendas en liña do seu catálogo. Apiario sumouse igualmente á campaña de promocionar a poesía a través da lectura de poemas de diversas autoras ao abeiro da etiqueta #poesíaNaCorentena.

Unha editora especializada no ámbito da tradución tamén se sumou a estas iniciativas: a canguesa Rinoceronte, baixo a denominación #RinoplanDeContinxencia, cargou na súa web de libre acceso o título O Parnaso sobre rodas, de Christopher Morley, traducido por Estela Villar e o audiolibro O ano do xardineiro, do escritor checo Karel Capek.

Cómpre non esquecer iniciativas particulares como a de Francisco Castro, que ofrece na súa páxina persoal o primeiro capítulo da súa novela Tantos anos de silencio; a que impulsou Diego Giráldez baixo a etiqueta #CorentenaLiteraria que agrupa un bo grupo de voces contemporáneas que len na rede un capítulo ou un fragmento da súa obra. A estas súmanse propostas como a do Colectivo de Narración Oral de Galicia, que ofrece unha substanciosa #Pandemiadecontos ou a do Festival Atlántica, O Conto non para, con relatos orais verdadeiramente suxestivos.

Exemplos todos os citados, e outros que quedan fóra, do compromiso solidario e xeneroso de institucións, particulares e empresas editoras a prol de encher de recursos culturais e literarios esta corentena.